DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes constituíse o grupo xestor do proxecto de especialización para Ourense

O Campus da Auga arranca con 300 investigadores, cinco áreas e un comité de dirección

Con este paso comeza operativamente a súa actividade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 27/05/2014

300 investigadores agrupados en dous clústers de I+D; cinco áreas de traballo e un comité de dirección. Con estas cifras, o Campus da Auga comeza a operar co obxectivo de converter os recursos hídricos na marca de especialización e valor engadido do campus de Ourense. Este martes constituíse o seu primeiro comité de dirección e nomeáronse aos seus membros, dividíndose as funcións e comezando xa a definir o plan de actuación deste proxecto para o curso 2014/2015.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, presidiu este martes a constitución deste órgano xestor e a súa primeira reunión de traballo. “O comité de dirección permítenos ter un prantexamento global para o Campus da Auga, que mentres se vaia consolidando paso a paso, apoiarase na estrutura da Vicerreitoría do campus”, apuntou Mato. O paso dado este martes, indicou, abre “a senda operativa” deste proxecto de especialización e permite comezar a executar o seu plan de actuación. Afirmando a súa convición de que o Campus da Auga marcará un antes e un despois para o campus de Ourense, o reitor destacou “o futuro prometedor” que permite albiscar esta iniciativa. Ademais de Salustiano Mato, como reitor, e de Virxilio Rodríguez, como vicerreitor do campus de Ourense, forman parte deste comité de dirección Pedro Membiela, comisionado para o Campus da Auga; Patricio Sánchez, secretario deste comisionado, e cinco docentes do campus de Ourense que se encargarán de cadansúa área de actividade.

Dos clústers á innovación educativa

Moncho Gómez Gesteira, catedrático de Física da Terra e doutor en Física, será o encargado da área cuxa misión será a de pór en marcha os dous clústers de I+D cos que contará o proxecto. O primeiro deles, indicou o reitor, está centrado no ámbito cientifico-tecnolóxico, abranguendo temáticas como o medio ambiente, a alimentación e as TIC, e aglutinará a 21 grupos e a 129 investigadores do campus. O segundo clúster, de carácter xuridico-social e humanístico e con temáticas como o turismo, a innovación educativa e social e a xestión da auga, conta coa adscrición de 32 grupos e 146 investigadores. Estas dúas agrupacións, apuntou Mato, conseguiron implicar a case o 100% dos investigadores do campus de Ourense, arredor de 300, e a grupos que nos últimos seis anos en conxunto facturaron preto de 18 millóns de euros en proxectos. A través da cooperación intelixente, estes clústers están chamados a ser “as fábricas de proxectos e ideas” do Campus da Auga.

Fermín E. Pérez, profesor de Arqueoloxía, será o encargado da segunda das áreas de traballo do comité de dirección, dedicada á transferencia do coñecemento entre os diferentes axentes públicos e privados, e Arno Formella, doutor en Ciencias Naturais e profesor no Departamento de Informática, levará o temón da área de internacionalización e captación de talento, na que os centros e os seus respectivos plans de internacionación terán un papel destacado. Pola súa banda, Susana Álvarez, profesora contratada doutora da Área de Filosofía do Dereito, será a encargada de pór en marcha a área académica, na que traballará pola creación dun programa de doutoramento centrado na temática da auga, por fortalecer as actuais titulacións harmonizándoas co proxecto de especialización do campus e abrindo para o futuro novos espazos de oportunidades neste eido. Por último, José María Faílde, doutor en Psicoloxía e profesor da Área de Personalidade Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos, será o encargado da área de innovación educativa e divulgación científica, desde a que intentará implicar neste proxecto ao sistema educativo e á sociedade ourensá.

Físicas

A preguntas dos xornalistas, o reitor da Universidade de Vigo tamén se pronunciou sobre a decisión do Consello Galego de Universidades de aprazar a decisión sobre a implantación do grao de Físicas. Mato amosou a súa sorpresa e desconformidade con esta decisión xa que, salientou, “o título cumpre todos os requisitos normativos e académicos” para a súa posta en marcha. Destacando que a decisión do consello responde a criterios de estratexia, fixo fincapé en que con este título non se incorre en duplicidades dentro do Sistema Universitario Galego, pois, lembrou, por exemplo na Universidade de Santiago de Compostela impártense as titulacións de Química e Enxeñaría Química sen existir ningún problema a ese respecto. “A Universidade e o grao cumprimos todos os requisitos que había que cumprir. Agora é o momento de que a Xunta de Galicia se pronuncie”, subliñou o reitor, que amosou a súa confianza en que o grao se imparta finalmente no curso 2015/2016.