DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor presentou ao Consello de Campus de Ourense as liñas do plan estratéxico do proxecto

O Campus da Auga bota a andar coa creación da súa comisión científica

Santiago Lago preside este órgano, formado por un representante de cada centro universitario

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 25/04/2012

Mes a mes o proxecto do Campus da Auga vai collendo forma. Nese proceso, este mércores a Universidade de Vigo deu un paso máis adiante coa presentación ao Consello de Campus de Ourense das liñas estratéxicas desta iniciativa e coa constitución da súa Comisión de Coordinación Científica. Este órgano, presidido polo catedrático Santiago Lago e formado por un representante de cada centro, será o encargado de concretar e articular as bases científicas do Campus da Auga. “Para sobrevivir e ter futuro é imprescindible especializarnos, tendo en conta o que temos e as nosas potencialidades. O Campus da Auga será esta marca especializada e distintiva para Ourense”, salientou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, durante a presentación da comisión.

O reitor da Universidade de Vigo explicou que, ademais de constituír esta marca singular, o Campus da Auga ten como obxectivo ser “o marco do campus de Ourense, o paraugas que dea abrigo a todas as iniciativas e as persoas que nel traballan e o paraugas do que xurdan novos proxectos competitivos que poidan concorrer ás convocatorias europeas”. Segundo apuntou Salustiano Mato, a iniciativa nace para ser unha fábrica de ideas e solucións imbricada coa cultura empresarial, institucional, patrimonial e social de Ourense.

Un proxecto de todos

Este mércores constituíse a Comisión de Coordinación Científica do Campus da Auga, presidida por Santiago Lago e composta por Xosé Antón Vila, director do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI; Rafael F. Acevedo, docente da Facultade de Dereito; Ana Gueimonde, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Beatriz Vaquero, da Facultade de Historia; Jesús Simal, da Facultade de Ciencias; Mª José Lado, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; e Pedro Membiela, da Facultade de Ciencias da Educación. O secretario da comisión será Alberto Vaquero, director de Área de Descentralización do campus.

“O noso traballo consistirá nos vindeiros meses en concretizar o proxecto, en desenvolver a súa parte máis intelectual e científica”, explicou Santiago Lago. O catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo fixo fincapé en que “o Campus da Auga será o vector do campus de Ourense a medio e longo prazo e marcar ese vector é unha moi boa idea porque o futuro é a especialización e a excelencia, ser realmente bos en algo concreto”. Lago, que agradeceu a confianza depositada nel e na comisión por parte da Universidade, amosou a súa confianza en que a comunidade universitaria sinta este proxecto como algo propio “e de que entre todos sexamos quen de tirar do carro”.

Con esta comisión e a definición das liñas xerais de traballo, explicou o reitor da Universidade de Vigo, séntase unha arquitectura que canalizará o que os investigadores e os centros ourensáns queiran e desexen facer. Neste senso, Salustiano Mato fixo fincapé en que os auténticos protagonistas do Campus da Auga son os investigadores e a comunidade universitaria, á que en vindeiras datas se lles presentarán os avances realizados ata o de agora e as oportunidades que lles brinda esta iniciativa.

A sentenza de Física e outros temas

Durante o Consello de Campus o reitor tamén informou aos asistentes sobre o cumprimento da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a transformación da licenciatura de Física. Mato salientou que o proceso sigue o seu curso e que actualmente se está traballando na elección e constitución da Xunta de Titulacións da Facultade de Ciencias, que será a encargada de realizar unha posible proposta de transformación da antiga licenciatura de Física. “Non vamos a valorar nada ata non ter a súa proposta, que terá que ser viable desde o punto de vista económico, académico e social”.

Outros dos temas abordados na reunión foi a posta en marcha o vindeiro curso da gardería infantil universitaria. Co mobiliario recentemente chegado ao edificio e co concurso para a súa xestión a piques de resolverse, o reitor da Universidade de Vigo amosou a súa confianza en que no mes de setembro a actividade comece no centro.