DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se anunciou nun acto celebrado en Ourense con Manuel Reigosa, Román Rodríguez e Elena Rivo

O Campus Auga consegue a acreditación da Xunta e un investimento mínimo de tres millóns de euros

Os fondos destinaranse a accións de docencia, investigación e transferencia durante tres anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 12/12/2023

A Xunta de Galicia anunciou este martes a acreditación do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense. A súa consecución materializarase no desenvolvemento durante tres anos dun plan de accións en docencia, investigación e transferencia dotado polo goberno galego con tres millóns para tres anos de duración.

A consecución desta acreditación foi feita pública nun acto celebrado no campus de Ourense por parte de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, acompañado por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, estando tamén presentes Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, e membros do comité de dirección deste proxecto de especialización. Na súa intervención, o reitor destacou que esta verificación supón “un fito importante para o campus de Ourense, e polo tanto para a Universidade de Vigo, e tamén para a sociedade galega no seu conxunto e para a sociedade ourensá en particular”. Do mesmo xeito, o conselleiro subliñou que “vai a significar un punto e seguido no que é o desenvolvemento da vida académica, investigadora e universitaria do campus de Ourense”. Os dous responsables institucionais agradeceron o traballo realizado por todas as persoas que participaron neste proceso de acreditación, tanto por parte da Universidade como da Xunta como da comisión avaliadora que acaba de emitir o informe favorable.

Un paso “moi significativo”

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades lembrou que no ano 2013 púxose en marcha por parte das universidades galegas e da Xunta “unha medida pioneira no seu momento” que consistía en fomentar a especialización dos campus, fundamentalmente dos que se denominaban campus non centrais, para que puidesen ser competitivos e tivesen unha maior interconexión coa súa contorna, converténdose en axentes de dinamización económica e territorial. “Xorden así os campus de especialización, onde se buscaba que os diferentes campus tivesen un perfil, perfil tanto en docencia como en investigación e transferencia, que estivese vinculado ás potencialidades que se entendían que naquel momento tiñan os diferentes campus”, afirmou. O Campus Auga foi o primeiro campus de especialización que se puxo en marcha nese ano 2013, o que implicou unha serie de fondos específicos para poder desenvolver diferentes tarefas orientadas ás misións de investigación, transferencia e docencia. Concretamente, dixo o conselleiro, ata o de agora o goberno galego ten feito un investimento de arredor de 8,5 millóns de euros no Campus Auga. Neste contexto, Román Rodríguez engadiu que nos últimos anos levouse a cabo un proceso de acreditación, de renovación da especialización dos diferentes campus especializados, no que unha comisión de “expertos externos á universidade galega, de profesionais de alta cualificación” avalía o traballo realizado.  

A consecución da acreditación por parte do Campus Auga, supón, en palabras do titular de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, “un paso moi significativo porque posibilita seguir traballando nesta especialización”, mellorando e orientando a súa investigación, docencia e transferencia “nun campo concreto, que é o amplo campo do que significa o mundo da auga, que nesta cidade e nesta provincia ten moitas ramificacións (económicas, ambientais, de todo tipo)”. Segundo detallou o conselleiro, a acreditación “significa que se van a poder seguir desenvolvendo diferentes actividades universitarias cun financiamento extraordinario”. Así explicou que a partir de agora ábrese un período de varios meses para deseñar o plan de acción para continuar o desenvolvemento do Campus Auga “nunha senda de especialización e de mellora” e unha vez realizado este plan asinarase un convenio para o seu financiamento. “O plan será de tres anos e neses anos haberá un investimento mínimo de tres millóns de euros”, afirmou Román Rodríguez.  

Capacidades e potencialidades

Pola súa banda, Manuel Reigosa recalcou que nun contexto no que o sistema universitario galego público “está chamado a xogar un papel fundamental” no desenvolvemento económico, social e a todos os niveis en Galicia, “podemos sacar moito partido a que nos campus exista un certo nivel de especialización que permita que teñamos capacidades complementarias”. No caso concreto do campus de Ourense, lembrou, “elixiuse, eu creo que con bo tino, algo que en principio estaba moi relacionado coa visión que moitos temos da provincia de Ourense como provincia termal, moi ligada á auga, pero tamén coas capacidades tanto docentes como investigadoras que ten o campus”. Así, apuntou datos como que a UVigo, “grazas ao campus de Ourense”, está situada como universidade número 15 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e entre as 300 mellores en Ciencias Agrícolas.

A acreditación, indicou o reitor da Universidade de Vigo, vai permitir “afondar nas políticas que se levan a cabo, afondar nesta especialización intelixente do campus” e “unha serie de políticas que nos van a colocar se é posible máis arriba”. Serán, indicou, “tres anos moi intensos que van a beneficiar a todo o campus, non só ao campus de especialización”. No plan que se establecerá para os vindeiros anos, detallou o responsable académico, levaranse a cabo accións en docencia, investigación e transferencia, apostando por iniciativas como a captación e retención de talento, fortalecer liñas de investigación, a investigación colaborativa e a internacionalización. Neste senso, o vicerreitor do campus de Ourense engadiu que o plan “vainos dar un pulo importante en internacionalización”, sinalando o papel do campus de Ourense como central na eurorrexión Galicia-norte de Portal. O reitor quixo agradecer “o apoio continuo da consellaría” neste proceso de acreditación que, indicou, “foi un proceso longo, custoso e duro nalgúns momentos”.

Por último, Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade pero tamén anterior vicerreitora do campus de Ourense, destacou a súa satisfacción por chegar a este anunciou, sinalando que é a culminación “dun esforzo de moitos anos” e pondo en valor o feito de que “sempre estivemos moi unidos loitando polo campus”. Como conselleira lembrou que o campus de Ourense “son 5000 persoas, alumnos, profesores e persoal administrativo, que viven en Ourense grazas ao campus e que polo tanto moven a economía, o emprego e que aportan riqueza á provincia e tamén a Galicia”, polo que recalcou que o investimento anunciado non só é importante para a Universidade senón tamén para a cidade e a provincia.

A unión das dúas zonas do campus

A preguntas das xornalistas, Manuel Reigosa tamén se referiu á demanda de soterramento de parte da avenida Otero Pedrayo para unir as dúas partes do campus de Ourense separadas por esta estrada. O reitor afirmou que “nós xa prantexamos ante as distintas autoridades que para nós sería unha marabilla pechar o campus”, permitindo o paso directo entre unha parte e outra da zona universitaria a través deste soterramento, pero, dixo, de momento “non hai novidades ao respecto”. O responsable académico apuntou que a Universidade xa fixo “o que lle tocaba facer” e que “estamos agardando a que haxa unha resposta positiva”.