DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se acordou na súa xuntanza deste xoves na Deputación

O Campus Auga incorporarase á Mesa Termal de Ourense

Este órgano está integrado polas administracións responsables en termalismo da provincia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 09/11/2023

Este xoves celebrouse na Deputación de Ourense a segunda sesión da Mesa Termal, órgano integrado polas administracións responsables en termalismo da provincia ourensá. Nela todos os membros acordaron a integración efectiva nesta mesa da Universidade de Vigo, a través do Campus Auga, logo da solicitude formulada pola institución académica. O Campus Auga é o proxecto de especialización, apoiado pola Xunta de Galicia, do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos. A partir da vindeira reunión a UVigo xa terá presenza efectiva neste órgano.  

Segundo explican desde a Deputación, a administración provincial, a administración autonómica e a administración estatal (a través esta última da Confederación Hidrográfica Miño-Sil) crearon unha unidade de coordinación para impulsar a ampliación e a sustentabilidade do sector termal na provincia. Foi o pasado 3 de agosto cando tivo lugar a primeira reunión introdutoria na que se expuxeron os seus obxectivos e metodoloxía de traballo. As institucións que conforman esta unidade de coordinación entenderon como apropiada a creación da Mesa Termal como fórmula para avanzar cara un modelo de administración máis proactiva que coordine e facilite os procedementos administrativos necesarios para a creación de novos balnearios na provincia así como a ampliación e mellora dos actuais.  

A xuntanza este xoves no pazo provincial estivo presidida polos seus máximos responsables: Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, e José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Ao respecto desta Mesa Termal, Luis Menor sinalou que “estamos ante unha ferramenta moi útil para o desenvolvemento do termalismo en Ourense. Coido que acertamos coa ferramenta porque entendemos que se cumpre co obxectivo de coordinación e axilización dos moitos proxectos que hai na provincia, polo que a nosa valoración é moi positiva, xa que vai redundar no beneficio da riqueza termal de Ourense”.