DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades de Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro porán en marcha liñas de traballo conxunto

O Campus da Auga inicia a súa andaina internacional en Chaves

O obxectivo é colaborar en áreas como a docencia, a investigación, a transferencia e a internacional

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 23/10/2012

O proxecto do Campus da Auga naceu o ano pasado no campus de Ourense co obxectivo último de converterse nun polo científico e tecnolóxico de referencia no eido da auga. Pola súa vocación multidisciplinar e internacional, no ADN da iniciativa está o establecemento de alianzas estratéxicas con outros axentes, públicos e privados, estatais e foráneos. Nesta liña de traballo, este martes Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Carlos Sequeira, reitor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro UTAD, anunciaron a posta en marcha proximamente dun convenio de colaboración entre as dúas institucións que permitirá abrir canles de traballo conxuntas en áreas como a docencia, a investigación, a transferencia e a internacionalización. Con este anuncio na cidade lusa de Chaves, donde a UTAD ten un das súas sedes, o Campus da Auga comeza o seu periplo internacional facendo especial fincapé en aproveitar as sinerxías da Macrorrexión do Suroeste Europeo.

Na cita celebrada este martes participaron Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Carlos Sequeira, reitor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro UTAD; Carlos Assunçao, vicerreitor de Investigación e Cooperación da UTAD; Luis Carvalho, presidente do Conselho Científico da Escola das Ciencias da Vida e Ambiente, e João Batista, presidente da Câmara Municipal de Chaves. No encontro, os máximos responsables das dúas institucións académicas salientaron que comparten dende fai anos diversas iniciativas de investigación e de transferencia que agora agardan poder reforzar.

“Nesta reunión presentamos o Campus da Auga ao equipo reitor da UTAD e ás autoridades de Chaves, demos o primeiro paso para o establecemento dun alianza estratéxica con esta universidade lusa e esbozamos as liñas de colaboración futura entre as dúas institucións académicas, colaboración que se concretará proximamente na sinatura dun convenio", destacou Salustiano Mato. Coa posta en marcha desta alianza, salientou Carlos Sequeira, darase un paraugas institucional reforzado á cooperación entre as dúas universidades e abriranse novas oportunidades de futuro.

Un marco para a colaboración

O convenio de colaboración entre as dúas entidades contemplará diversas liñas marco de colaboración, que se irán concretando no futuro coa posta en marcha de actuacións conxuntas e que abranguen áreas como a docencia, a investigación, a transferencia e a internacionalización. A formación interuniversitaria e especializada; o aproveitamento das oportunidades que ofrece o Campus da Auga como proxecto aglutinador de investigación con capacidade de proxección exterior; o incremento da conexión con sectores económicos de interese e a mobilidade serán algúns dos aspectos que este novo marco de cooperación intentará dinamizar entre a Universidade de Vigo e a UTAD.

“O Campus da Auga busca ser o dinamizador dunha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, de docencia e de transferencia de coñecemento”, destacou Salustiano Mato. Para ter éxito neste obxectivo, o proxecto, destacou, está en consonancia coas prioridades do próximo Programa Marco 2014-2020 e con outras iniciativas de agregación multidisciplinar, entre as que destaca a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa, na que participan as universidades reunidas este martes en Chaves. “Esta colaboración permitirá ao Campus da Auga desenvolverse na macrorrexión e aproveitar todas as sinerxías e alianzas que se poidan orixinar nela”, apuntou o reitor vigués.