DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O DOG publicou este xoves a correspondente resolución da Xunta

O Campus Auga, oficialmente acreditado como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia

A concesión ten unha vixencia de tres anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Ourense 08/02/2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a resolución da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia pola que se acredita o Campus Auga como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia.

Tal e como recolle o DOG, en febreiro de 2022 a Universidade de Vigo presentou a solicitude e documentación para a acreditación do seu Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e alimentación. Iniciouse entón un procedemento que culmina agora con esta resolución e tras a presentación á Secretaría Xeral de Universidades dun informe final favorable por parte do comité de avaliación designado para este proceso.

A acreditación esténdese por un período de tres anos. A súa vixencia e efectos, recóllese no DOG, estarán suxeitos ao seguimento das condicións indicadas, de acordo co informe final do comité de avaliación, nas áreas de gobernanza, docencia, investigación, transferencia e innovación. “O campus debe enfocarse en continuar o camiño na senda da especialización que lle permita acadar unha mellora substantiva nos diferentes ámbitos implementado progresivamente as accións da proposta presentada e facendo especial fincapé no que se refire tanto á organización e planificación das actividades docentes como de investigación e transferencia de resultados ao sector produtivo”, sinálase na resolución.