DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e a directora de Administración de Expourense asinaron esta mañá un convenio de colaboració

O Campus da Auga promocionarase en Termatalia Arxentina ante axentes do turismo de 27 países

Presentaranse proxectos sobre o potencial do turismo termal na provincia realizados por docentes e a

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 16/09/2014

Termatalia Arxentina servirá de plataforma de promoción internacional para presentar o Campus da Auga como proxecto pioneiro ante institucións e empresas de 27 países. A participación do campus na Feira Internacional de Turismo de Saúde e Benestar que Expourense organiza en Termas de Río Hondo (Arxentina) entre o 1 e o 4 de outubro foi formalizada esta mañá coa sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e Expourense. O acto contou coa presenza do reitor, Salustiano Mato e a directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez, así como o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Salustiano Mato explicou que a participación do Campus da Auga en Termatalia é “un exemplo de cara a onde vai camiñar a Universidade a través da especialización intelixente do Campus da Auga, que comeza o seu camiño creando sinerxías con axentes socioeconómicos da provincia, como é o caso de Expourense. A presenza en Arxentina vainos dar maior visibilidade a nivel internacional”, destacou o reitor.

Ademais de contar cun stand promocional, o Campus da Auga realizará en Termatalia Arxentina unha presentación como proxecto pioneiro relacionado coa investigación e a innovación ante prensa internacional, touroperadores, empresas e profesionais dos 27 países presentes na feira. Esta presentación correrá a cargo do vicerreitor Virxilio Rodríguez, quen prepara ademais unha axenda de reunións con representantes das universidades arxentinas presentes en Termatalia co obxectivo de asinar convenios bilaterais que poidan dar paso ao intercambio de docentes e alumnos.

Presentación de traballos de investigación

Por outra banda, o profesor e membro do Comité Executivo do Campus da Auga, José Antonio Fraiz, será o encargado de coordinar a Sesión de Comunicacións Científicas onde profesionais de varios países presentarán os seus estudos e investigacións multidisciplinares relacionados coa auga e co turismo ante algún dos principais expertos mundiais do sector incluídos no comité científico que avaliará estes traballos. Neste sentido, cabe subliñar que a propia Universidade presentou varias comunicacións para esta sesión e que abordarán temas como o termalismo e o turismo sénior, a cosmética termal, o turismo sanitario como oportunidade de negocio ou o termalismo como ferramenta promocional da cidade de Ourense.

A presenza do Campus da Auga en Termatalia pode abrir novas oportunidades de negocio, xa que os seus proxectos innovadores e investigacións poden espertar o interese das empresas e institucións presentes na feira, posibilitando que os alumnos deste campus poidan realizar prácticas no estranxeiro. Por outra banda, a promoción das actividades do campus pode atraer ata Ourense a novos estudantes internacionais para cursar posgraos relativos á auga.

Termatalia Arxentina servirá de plataforma para promocionar internacionalmente este campus universitario defendendo intereses comúns para ambas entidades como son a formación, a transferencia de coñecementos e a internacionalización arredor do mesmo elemento: a auga, e co mesmo obxectivo: posicionar á provincia de Ourense como referente termal mundial.