DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto conducido polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area

O campus dá a benvida aos seus alumnos máis internacionais

Este curso pasarán por Ourense 58 estudantes estranxeiros de 12 países

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 01/10/2008

Cun acto celebrado coa finalidade de facilitarlles a súa adaptación á cidade e informalos da variada oferta de actividades que a Universidade lles ofrece, o campus recibiu aos seus estudantes estranxeiros de intercambio. Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais; Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus e Eva Garea, técnica da Oficina de Relacións Internacionais foron os encargados de recibir aos novos estudantes, acompañados por Jorge Figueroa, director do Centro de Linguas e Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística.
Na recepción, realizada en galego, castelán e inglés, Area deu a benvida aos novos alumnos en nome do reitor e invitounos a “coñecer a cultura de Galicia en todas as súas vertentes, aproveitando as variadas posibilidades que ofrece”. Ademais, Gálvez agradeceulles a elección do campus e puxo á súa disposición “dende a biblioteca ás instalacións deportivas, pasando polo meu despacho, onde me atoparedes sempre que necesitedes algo” dixo. Na mesma liña, Eva Garea ofreceuse para “apoiarvos e axudarvos sempre, para que a vosa estadía aquí sexa o máis agradable posible e que cada ano recibamos máis estudantes”. De feito, o de Ourense é o segundo campus que máis alumnos estranxeiros de intercambio recibe, por detrás do de Vigo. Destes, a maioría estuda na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, seguida da Escola Superior de Enxeñaría Informática, segundo datos da ORI.

58 estudantes de 12 países

Procedentes de 12 países diferentes, ao longo do curso 2008/2009 pasarán por Ourense un total de 58 estudantes estranxeiros dos que 38 estarán na cidade o primeiro cuadrimestre, cinco o segundo e 15 todo o ano. Aínda que o programa estrela segue a ser o Erasmus, cada vez veñen máis alumnos de fóra de Europa grazas aos convenios bilaterais cos que nesta ocasión escolleron a nosa cidade tamén sete rapaces mexicanos, un chileno e dous brasileiros. Ademais da habitual presenza de alemáns, portugueses, franceses e italianos, destacan os sete turcos que pasarán polas escolas e facultades do campus ourensán, así como o primeiro noruegués, “o que garante a diversidade cultural e lingüística, obxectivo deste programa”, matizou Garea.

Unha ampla oferta de servizos

No acto de benvida, os estudantes puideron informarse sobre as actividades deportivas, a programación cultural e os cursos de galego da Área de Normalización Lingüística ou de español para estranxeiros do Centro de Linguas. Do mesmo xeito, recibiron información das viaxes e excursións que a ORI ten previstas para eles de xeito gratuíto, entre elas destacan as visitas a Santiago de Compostela, A Coruña, Baiona e Valença do Minho, que terán lugar no primeiro cuadrimestre.