DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo para presentar solicitudes remata o 31 de maio

O Campus Camp oferta 36 prazas en Ourense

A iniciativa está dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos

Etiquetas
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 18/05/2018

O día 22 de xuño comezan as vacacións para as e os escolares e agora é o momento para pais e nais de buscar alternativas para ocupar o tempo das e dos máis pequenos da casa. Para os membros da comunidade universitaria, a Universidade de Vigo organiza cada ano o Campus Camp, un campamento que ofrece aos participantes diversión e aprendizaxe durante os meses de verán ao mesmo tempo que se achegan á institución na que traballan os seus proxenitores.

Os membros da comunidade universitaria interesados en inscribir aos seus fillos e fillas no campamento teñen de prazo ata o vindeiro 31 de maio para facelo a través da  plataforma Culturxest. Nesta ocasión ofértanse 36 prazas para o campus de Ourense, estando o campamento aberto a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades arrancarán o 22 de xuño, coincidindo co inicio das vacacións escolares, e prolongaranse ata o mes de setembro, quedando excluído de actividades o mes de agosto. 

As persoas interesadas en apuntarse a esta iniciativa de Extensión Universitaria poden inscribir os seus nenos e nenas dependendo das súas propias necesidades en toda a tempada ou só algunha quincena, variando os prezos entre os 160 euros de xuño a setembro e os oito euros dun día solto e establecéndose diferentes descontos. No conxunto da Universidade de Vigo, o curso pasado participaron no Campus Camp preto de 180 nenas e nenos, 39 deles e delas no de Ourense.