DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deseñou un programa que inclúe fútbol, baloncesto, taichi e xadrez

O campus celebra con deporte a chegada da muller á universidade

A primeira catedrática do campus de Ourense, Mª Victoria Carballo, ofrecerá unha conferencia sobre M

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 22/11/2010

O campus de Ourense celebra esta semana o centenario do recoñecemento do dereito da muller a ser universitaria. Xa pasaron 100 anos desde que en 1910 se aprobou a lei que recoñecía o dereito das mulleres a estudar nas universidades, que até daquela só podían acudir baixo condicións especiais. Con este motivo tan especial, a Universidade quere “renderlle homenaxe ás mulleres da comunidade universitaria e visibilizar a súa presenza e traballo”, segundo salienta María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense.

Baixo o lema 100 anos de historia. As mulleres con dereito a ser universitarias o campus acollerá un programa de actividades culturais, facendo especial fincapé nas actividades deportivas. Con esta elección, María Lameiras sinala que se quere promover e dar a coñecer a presenza da muller en áreas nas que, como no caso do fútbol ou o xadrez, o papel da muller sempre foi menor. “Queremos de modo explícito deixar patente que a muller pode, debe e quere estar en igualdade de dereitos que o home, en todos os ámbitos”.

De como cambiaron as cousas nestes 100 anos, a vicerreitora do campus salienta que na actualidade as mulleres xa son maioría na universidade, como apunta o feito de que o 56% do alumnado que comezou este ano na Universidade de Vigo son mulleres.

Mª Victoria Carballo lembrará a figura de Maruja Mallo

O programa de actividades comezará este martes 23 cun partido de fútbol feminino entre a U. D. Barbadás e o Universidade de Vigo, que formará para a ocasión un equipo composto por mulleres da comunidade universitaria. Será ás 18.30 h no Pavillón Universitario, con entrada libre para as persoas que se queiran achegar. Ás 19.30 h continuarán as actividades na entrada do Edificio Xurídico-Empresarial con partidas de xadrez simultáneas.

O mércores 24 continuarán as actividades ás 17.00 h cunha sesión de taichi nos xardíns do campus. Ao igual que nas anteriores actividades, dirixidas por mulleres, están convidadas a participar todas aquelas persoas interesadas.

A última xornada desta conmemoración, o xoves, contará cunha conferencia a cargo de Mª Victoria Carballo Calero, a primeira catedrática do campus de Ourense. Mª Victoria, catedrática de Historia da Arte e recente Premio Galicia de Investigación, falará sobre Unha muller, Maruja Mallo, en territorio de homes: as residencias de estudantes. Será ás 12.00 h na sala multiusos do Edificio das Facultades. Xa para rematar, ás 18.00 h celebrarase un triangular de baloncesto entre os equipos femininos campus de Ourense, Carmelitas e Pavillón de Ourense, no Pavillón Universitario.

Este programa de actividades deseñouse ao abeiro da Programación Intercultural, dedicada este outono ao Cine Documental de Autora e da celebración este xoves do Día internacional contra a violencia de xénero.