DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza celebrada este martes nas instalacións universitarias

O campus e o Colexio de Economista de Ourense apostan por renovar e reforzar a súa colaboración

O convenio existente entre as dúas entidades remata a finais de 2023

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 12/09/2023

Este martes reuníronse no campus de Ourense representantes da Vicerreitoría deste campus e do Colexio de Economista de Ourense co obxectivo de avanzar na renovación e reforzo da colaboración existente, desde hai varios anos, entre a institución académica e o órgano colexial. A xuntanza, que tivo lugar no Edificio de Ferro, contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Mónica Villanueva, directora de Área de Coordinación deste campus; e de Carmen Sampayo e Julio Vila, respectivamente presidenta e vicepresidente do Colexio de Economistas de Ourense.

Segundo explicaron os responsables das dúas entidades, a Universidade de Vigo e o Colexio de Economistas de Ourense contan cun convenio de colaboración ao abeiro do cal organízanse cada ano diferentes actividades e accións. Entre elas, apuntouse a convocatoria anual dos premios aos mellores expedientes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo deste campus e dos Premios José Manuel Pérez Canal aos mellores traballos de fin de grao deste mesmo centro. Igualmente sinalou a presentación ao alumnado das saídas profesionais que ten a titulación de Administración e Dirección de Empresas que se imparte no campus e as vantaxes que lles supón colexiarse. Entre outras accións, tamén se citou a colaboración en cursos como o de extensión universitaria Recursos patrimoniais na provincia de Ourense: novos desafíos.

Valoración positiva

Tendo en conta que Francisco Javier Rodríguez Rajo tomou posesión do seu cargo como vicerreitor de campus a finais de xuño e que a directiva do Colexio de Economistas de Ourense renovou por catro anos máis o seu mandato tamén este ano, a reunión permitou establecer un primeiro contacto institucional entre responsables das dúas entidades. Para a institución académica, lembrou o vicerreitor, é importante manter unha colaboración fluída cos colexios profesionais pois, indicou, “permiten á universidade estar moito máis preto do que é o día a día da cidadanía e do mercado laboral e actualizarnos en diferentes aspectos”, co obxectivo último de contribuír a que o alumnado teña unha maior empregabilidade e un curriculum máis adaptado ao que será o seu desenvolvemento profesional. Neste senso, destacou a frutífera comunicación e cooperación que existe entre o campus, concretamente entre a súa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e o Colexio de Economistas de Ourense.

Pola súa banda, Carmen Sampayo salientou que “o noso obxectivo básico é renovar o convenio que temos coa Universidade de Vigo pero tamén nos gustaría ampliar máis a colaboración existente”, apuntando algunas posibilidades como a creación dun Foro de Economía e Sociedade que achegue a destacadas e destacados empresarios da provincia ás aulas. O convenio existente, lembrou, “redunda na sociedade, porque achega moitas sinerxías”, apuntando entre outros aspectos como moitos dos colexiados e colexiadas do órgano que representa estudaron na UVigo. Recalcando que “estamos moi satisfeitos cos resultados desta colaboración”, Carmen Sampayo puxo en valor a repercusión que teñen as accións levadas a cabo ao seu abeiro tanto para o alumnado como para o colectivo que representa como para a sociedade en xeral. “A finais de 2023 perde vixencia o actual convenio e gustaríanos formalizar un novo”, dixo por último.