DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto que terá lugar o vindeiro luns 21 na sede da Vicerreitoría

O campus conmemorará o Día de Rosalía pondo en valor a vixencia do seu legado

Nesa xornada, Ciencias da Educación e do Deporte celebrará o Día da Lingua Materna

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/02/2022

“Rosalía foi artífice dunha poética que co paso do tempo segue recollendo de xeito extraordinario o noso xeito de pensar, así como esas dificultades, problemáticas e inxustizas aínda palpables na nosa sociedade actual”. Deste xeito pon de relevo a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, a importancia de “seguir visualizando” a figura e a obra de Rosalía da Castro, motivo central do acto de homenaxe que o vindeiro luns ás 19.30 horas acollerá a sede da Vicerreitoría do campus. Baixo o título de Sementando pensamentos, este acto aberto ao público combinará unha conferencia do profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, coa actuación musical da Aula Permanente de Música Tradicional do campus e a lectura do manifesto promovido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Aelg) con motivo da conmemoración, o mércores 23, do Día de Rosalía.

No marco das múltiples actividades centradas na poeta que diferentes institucións promoven nos próximos días, a Vicerreitoría busca “contribuír a homenaxear á autora fundacional da literatura galega moderna", coa idea tamén de que actos como este sirvan como unha “invitación a reler a súa propia escrita e ver que segue aínda moi anoada a nosa vida diaria”, salienta Agrelo. Con este propósito, o acto contará coa participación de Anxo Angueira, “un dos grandes coñecedores da figura rosaliana”, que impartirá unha conferencia titulada Rosalía hoxe, na que “entendo que quere facer unha exposición de como é interpretada hoxe en día e da vixencia da súa escrita”, engade a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración.

Conexión entre as propostas culturais do campus

Xunto coa intervención do vicerreitor do campus, Jorge Soto, este acto de homenaxe contará coa actuación do grupo de zanfonas da Aula Permanente de Música Tradicional do campus, da que naceu un grupo de música con varios formatos que nos últimos meses actuou en diferentes actividades, promovidas pola Universidade, como a inauguración da Sala Profesor Manuel Moldes, á vez que acompañou nunha peza ao gaiteiro Carlos Núñez no seu último concerto en Pontevedra. Desta volta, tratarase da primeira actuación do seu grupo de zanfonas, que interpretará o Valse de Ribadavia e o Pasacorredoiras de Monel. Á súa actuación sumarase a participación do responsable da aula, Suso Vaamonde, que acompañará a lectura do manifesto da Aelg interpretando á zanfona a Alborada de Rosalía, seguindo a versión gravada en 1928 por Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo. Realizado pola escritora Beatriz Maceda Abeleira, a lectura deste manifesto correrá a cargo de Natalia García, alumna da Aula de Teatro impulsada no presente curso no campus, no marco dun convenio da Concellería de Promoción Económica e Universidades. “Parecíanos sumamente interesante vincular ás persoas que teñen unha participación activa nas diferentes propostas que se desenvolven desde a Vicerreitoría, darlles un protagonismo principal e visualizar as actividades culturais que se fan no campus”, salienta Agrelo. 

Un mural conmemorativo do Día da Lingua Materna

Alén desta homenaxe, o vindeiro luns 21 conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, para o que a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte promove o desenvolvemento dun “mural colaborativo” no acceso ao centro, que constituirá o “eixo central dunha actividade que se desenvolverá en diferentes materias das titulacións” da facultade ao longo do día, como explican os seus responsables. Coordinada polos profesores Carlos Valcárcel e Ana Acuña, nesta actividade convídase tanto ao conxunto da comunidade universitaria como a calquera persoa interesada a que “escriba na súa lingua materna ou de herdanza familiar palabras, expresións, refráns ou mesmo pequenos relatos e poesías usando postits de diferentes cores”, para logo situalos nos dous paneis que permanecerán no acceso ao centro ao longo de toda a xornada. Nese senso, convídase tamén aos e ás participantes a que empreguen estes paneis como pousadoiros para a realización de fotografías e a que as difundan a través das redes sociais coas etiquetas #DiaDaLinguaMaterna #UNESCO #fcced. Deste xeito, a Comisión PEA-Unesco busca contribuír á concienciación respecto da “importancia das linguas maternas para o desenvolvemento das persoas” e pór o foco en como “a diversidade lingüística está a diminuír drasticamente en todo o mundo, conforme moitas linguas se extinguen e perden boa pare dos seus falantes nativos”.