DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No segundo cuadrimestre virán 55 alumnos e alumnas procedentes de Europa, América e Asia

O campus consolídase como un dos destinos preferidos dos estudantes de intercambio

CCSS e da Comunicación é o terceiro centro da Universidade con maior número de matriculados estranxe

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 03/02/2012

O frío non impediu que o campus de Pontevedra dera unha calorosa benvida ao seu novo alumnado de intercambio, que chegou dende diferentes partes do mundo para completar a súa formación na Universidade de Vigo. Un total de 55 estudantes estranxeiros, na súa maioría mulleres, encherán as aulas pontevedresas neste segundo cuadrimestre, o que consolida este campus como destino de interese dentro dos programas de intercambio internacionais. As facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Belas Artes, á cabeza.

“As titulacións específicas do campus de Pontevedra atraen cada vez máis estudantes de intercambio, converténdose nun grupo moi representativo dentro da Universidade de Vigo”, salientou no acto de benvida Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais da institución viguesa. Tanto é así que se duplicou a presenza de estranxeiros con respecto ao segundo cuadrimestre de curso 2010-2011, no que se recibiron 25 estudantes. En xeral, este ano o campus acolle a un total de 89 estudantes: 34 no primeiro cuadrimestre, 44 no segundo e 11 que pasan todo o ano fóra do seu país natal.

Ciencias Sociais e da Comunicación, destino preferente

No tocante aos centros, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación recibe en todo o ano a un total de 52 alumnos e alumnas, o que representa máis do 50% dos estudantes estranxeiros do campus. Deste xeito, convértese no terceiro centro da Universidade de Vigo con maior número de alumnos de intercambio, superado tan só polas facultades de Filoloxía e Tradución e de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo. Pola súa banda, a Facultade de Belas Artes tamén acada unha situación preferente, xa que ocupa o quinto posto.

No acto de benvida tamén estivo presente Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural, Comunicación e Deportes do campus, que lles adiantou toda a programación de primavera da vicerreitoría, “actividades culturais nas que reinarán o cine, a música e o teatro e que serán totalmente gratuítas”. Así mesmo, técnicos das áreas de Cultura, Deportes, Centro de Linguas, Normalización Lingüística e Biblioteca presentaron todos os servizos que terán a súa disposición para que aproveiten ao máximo a súa estadía no campus.

Procedentes de grandes cidades

Portugal, Italia e Sudamérica seguen a ser os principais luagares de orixe do alumnado de intercambio. Na súa maioría adoitan vir de grandes cidades, como no caso de Carolina Bernardo, Juliana Moreira e Rebeca Monteiro que proceden de Río de Xaneiro e que chegan a Pontevedra para estudar Comunicación Audiovisual e Publicidade. “Estamos encantadas coa calma que se respira na cidade. Que sexa tan acolledora e que poidamos movernos a pé permítenos coñecer máis xente”, salientaron. A posibilidade de desprazarse sen necesidade de empregar transporte público tamén sorprendeu a Yi-Wen Hsiao, unha das tres estudantes taiwanesas da Universidade, que veu para estudar na Facultade de Belas Artes, “centro que coñecín a través da súa web”.

O fútbol foi o que trouxo a Olgun Dchar a estudar á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dende Turquía. “O bo nivel deportivo de España foi o que me animou a vir”, explicou. Pola súa banda, Anna Cristina Núñez, do sur de Estados Unidos, destacou a natureza que rodea o campus e o bo equipamento das facultades, engadindo que “son centros moi cualificados”. Unha porcentaxe importante deste grupo de estudantes escolleu este destino polo interese de perfeccionar o seu español, como Lena Wittenbrink, procedente de Alemaña, que recoñeceu que non sabía da existencia do galego, “pero mellor así, pois polo prezo dunha aprendemos dúas linguas".