DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dunha experiencia piloto do Campus Dixital do Mar

O campus conta xa con dúas aulas para a gravación de clases

Os vídeos poderán ser enriquecidos con materiais e datos complementarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 25/01/2013

Cada día máis as novas tecnoloxías incorpóranse á educación para facela máis eficiente e accesible. Nesta tendencia, o campus de Ourense vén de pór en marcha dúas aulas nas que será posible realizar a gravación automatizada de clases. Os docentes que o desexen poderán participar nesta iniciativa e dispor así dun material máis que tanto eles coma os seus alumnos ou incluso o público xeral poida consultar en calquera momento. A iniciativa é unha experiencia piloto do Campus Dixital do Mar iniciada o curso pasado na Universidade de Vigo.

Domingo Docampo, catedrático e ex reitor da Universidade de Vigo, foi o encargado este venres de amosar ao primeiro grupo de docentes interesados na iniciativa como funciona a aula. “Trátase dun sistema moi sinxelo de gravación que permite que o docente poida dar clase como o faría un día calquera, coa única excepción de que será gravado”, salientou o profesor, que animou aos asistentes a perder o medo e a aproveitar todas as posibilidades educativas que ofrece esta ferramenta.

No conxunto da Universidade de Vigo hai na actualidade dez aulas habilitadas con este servizo, entre elas as dúas postas en marcha agora no campus de Ourense e que son a aula 2.3 do Edificio Xuridico-Empresarial e a aula 2.4 do Edificio Politécnico. Cun sistema de gravación de alta calidade, os vídeos que se realicen poderán ser completados con información e recursos de todo tipo, de xeito que se produzan materiais educativos da maior calidade posible e con valor engadido. Do mesmo xeito, os docentes terán a oportunidade de decidir a difusión que se realice do material, podendo quedar circunscrita ao alumnado da materia, por exemplo, ou aberta a todo o público interesado. Esta experiencia piloto, comentou Domingo Docampo, irá medrando a medida que o profesorado vaia demandando o servizo posto en marcha polo Campus do Mar.