DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deseño do proxecto é obra do arquitecto ourensán Manuel Gallego Jarreto

O campus contará cun novo Edificio Administrativo e cun espazo para actividades culturais

O orzamento da obra supera os catro millóns de euros e executaríase en 18 meses

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 04/05/2010

O actual edificio administrativo do campus de Ourense era antigamente o pavillón de infecciosos polo que o seu deseño e estrutura corresponden a un espazo destinado a esta finalidade, con corredores estreitos para evitar a propagación das infeccións e con espazos escuros “que non son os máis adecuados para que traballe alí o persoal de administración e servizos do noso campus”, segundo explica o vicerreitor Juan Francisco Gálvez. Unha segunda necesidade como é a desconcentración dos servizos, xustifica a aposta por un novo Edificio Administrativo cuxo deseño ven de realizar o arquitecto ourensán Manuel Gallego Jarreto. A construción situarase nun solar de 2000 metros cadrados situado no campus sur no marco dun proxecto que contempla así mesmo o levantamento dun segundo bloque que se destinará a un uso eminentemente cultural, dende os ensaios e actuacións da Aula de Teatro Universitaria, ata a realización de concertos, exposicións e outros eventos. Gallego Jarreto presentou a maqueta e os planos da obra este martes no transcurso dun acto ao que asistiron o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago; o vicerreitor Gálvez e os dous candidatos a reitor nas eleccións do 20 de maio, Salustiano Mato e Jaime Cabeza. O arquitecto situou en catro millóns de euros o orzamento mínimo que sería necesario para a posta en marcha do proxecto e estimou nuns 16 ou 18 meses o tempo de execución. Manuel Gallego amosouse “moi contento” polo proxecto no que recoñeceu que investiu “moito tempo e esforzo”. Juan Francisco Gálvez, pola súa banda, cualificouno como “un edificio digno do noso campus” e o reitor Alberto Gago subliñou que “sería un bo obxectivo de mandato” para a persoa que tome as rendas da Universidade de Vigo nas eleccións do 20 de maio.
Preguntado pola existencia de orzamento para levalo adiante Juan Francisco Gálvez asegurou que, na actualidade, “a Universidade non ten nin un euro de débeda polo que existe marxe para que se poida facer” e lembrou que os dous candidatos a reitor presentes no acto xa amosaron o seu apoio ao proxecto Ourense a porta de Galicia, unha proposta de reordenación do campus moito máis ampla na que se inclúe este edificio e que contempla tamén a posta en marcha doutras iniciativas de interese para o campus como a construción das pistas de atletismo e do campo de rugby e a urbanización da zona sur do campus, entre outras.

Un solar “difícil” con sete metros de desnivel

Explicou Gallego Jarreto na súa intervención que a primeira dificultade que tivo que superar á hora de deseñar o proxecto foi o solar no que se ía construír o edificio, “un espazo difícil con sete metros de desnivel”. O arquitecto revelou tamén que a contorna xogou tamén un papel moi importante no deseño do espazo. Segundo as súas palabras, “o edificio construirase nun punto do campus que é o máis próximo á cidade e por iso tentei que fora como unha porta de entrada da Universidade á cidade, como un punto de enlace”. Todo isto sen esquecer as vistas do lugar, “ao parque, a Montealegre e ao val do río”. Con estes ingredientes Gallego Jarreto pensou en dous materiais: o formigón e o vidro para darlle forma a unha primeira estrutura formada por un baixo e tres plantas que constituirán o edificio administrativo cun obxectivo. Segundo o arquitecto, “o que busquei con este deseño foi que o alumno se sinta ben nun lugar de contacto directo coa universidade”. A planta baixa destinarase á atención ao público; a primeira para a atención personalizada; a segunda para os servizos técnicos, informática e sa de xuntas e a terceira e última planta para a vicerreitoría, vicexerencia, cultura e prensa.

Un aforo para máis de 200 persoas

O vicerreitor Gálvez lembrou na súa intervención que o campus de Ourense é o único de España que posúe catro aulas de teatro universitario “que fan da nosa cidade un punto de referencia no mundo teatral e para as que, sen embargo, non temos un espazo de representación nin tampouco de ensaio”. De aí a aposta pola construción dun segundo espazo que se situaría mesmo á beira do edificio administrativo. Ambas as dúas construcións estarán conectadas entre si para poder pasar dunha a outra pero poderán funcionar tamén de xeito independente o que permitirá a celebración de actividades culturais fóra do horario de apertura das oficinas. Para falar deste segundo proxecto Manuel Gallego explicou que “un espazo cultural nun campus coma este non pode ser un edificio pechado. Moi ao contrario debe ser permeable aos eventos que se celebren alí dentro”. De aí a súa aposta por un deseño aberto, con moita luz e preparado para acoller multitude de actividades que van dende un teatro con aforo para máis de 200 persoas, con butacas que se poden recoller para utilizar o espazo con outro fin cultural, ata unha zona para os ensaios e outra para os camerinos.