DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo da produción da película 'MIR' estivo gravando esta semana na Universidade

O campus converteuse por un día nun estudio de cine

Alumnado dos centros participou como extras nalgunhas secuencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 31/10/2012

Polos seus xardíns históricos e pola arquitectura dos seus edificios, o campus de Ourense é un lugar que destaca pola súa beleza. Por este motivo, a produtora Tamagaz Films escolleuno para gravar nel algunhas das secuencias da películas MIR que están actualmente rodando. Ambientada no mundo dos médicos internos, actores, director e equipo técnico estiveron por un día na Universidade transformando as aulas e espazos comúns nun pequeno e puntual estudio de rodaxe.

Segundo explica Gonzalo G. Palmeiro, director da película, o seu título provisional e MIR e está previsto que se estree en febreiro de 2013. Protagonizada por Alba González, Baroc Solla e Marta Casielles, a produción conta co financiamento da Organización Médica Colexial de España e a colaboración do Concello de Allariz, onde ten a súa sede a produtora, e do Hospital CO.SA.GA. “A película trata de expor a situación dos MIR en España, desde una ficción construída a partir das experiencias reais dos implicados e moi afastada do que se leva amosado nas diferentes series de televisión que teñen abordado esta temática”, advirte o director da película.

Unha ficticia facultade de medicina

Concretamente no campus de Ourense o equipo gravou escenas no estanque e nos edificios de Ferro e Politécnico, recreando nestes últimos as aulas dunha facultade de medicina e os exames do MIR, as probas que se realizan en España para poder acceder á formación de especialistas médicos e acadar a titulación pertinente tras pasar entre 2 e 5 anos como Médico Interno Residente nun hospital o centro de saúde. Nestas escenas, alumnado universitario tivo a oportunidade de participar como extra nalgunhas das secuencias.

A elección deste tema, apuntou Palmeiro, débese a que Tamagaz Films é "unha produtora resultante da unión de dous mundos, o sociosanitario e o audiovisual", e de dúas persoas, José Manuel Solla, licenciado en Medicina e Cirurxía, e o propio Gonzalo G. Palmeiro, diplomado en Cinematografía e Artes Audiovisuais. Eles son os produtores desta peza e os seus guionistas xunto a Jesús Cansino. Completa a ficha técnica de MIR Xabier López, o director de fotografía. Os resultados poderán verse en 2013, cando se estree a película.