DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O espazo agrupa diferentes contidos sobre instalacións, formación, investigación e servizos 

O Campus Crea aglutina a información dos seus servizos nun “pioneiro” catálogo web

O seu obxectivo é fomentar a colaboración coas empresas e a sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 28/04/2022

Como unha iniciativa pioneira no conxunto do sistema universitario español presentouse este xoves o catálogo de servizos do Campus Crea, un espazo web que aglutina información tanto das instalacións e servizos do campus, como da súa oferta formativa e do labor investigador que nel se desenvolve. Impulsado pola Vicerreitoría do campus co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e desenvolvido polas empresas Inova Labs e Can Academics, trátase dunha ferramenta web que articula á súa vez a información dun xeito diferente segundo catro perfís de acceso, os do estudantado, persoal docente e investigador, empresas e público xeral.

Potenciar as conexións co tecido empresarial

O vicerreitor do campus, Jorge Soto; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e os representantes de Innova Labs e Can Academics Alba Valdés e Abel Estévez presentaron este xoves unha ferramenta nacida para “desenvolver aínda máis o noso Campus Crea e ter día a día máis capacidade de influxo sobre as empresas”, salientou Soto. “Conseguimos crear o primeiro catálogo integral de recursos online da Universidade de Vigo e un dos pioneiros no noso país”, engadiu Valdés. “É un proxecto bastante innovador que pretende abrir o Campus Crea a toda a sociedade”, engadiu Carlos Souto, que destacou que se trata dunha iniciativa impulsada “pensando moito na colaboración entre a Universidade e a sociedade e a colaboración coas empresas”. 

“Temos que mostrar todo o noso potencial como Universidade, para que todo o mundo poida coñecernos e saber que podemos colaborar e facer cousas xuntos”, engadiu Souto, que, ao igual que o vicerreitor puxo de relevo a implicación do Consello Social con este catálogo. O seu presidente destacou nese senso a “transcendencia” desta iniciativa, dado que “a relación entre as universidades e as empresas encerra unha das maiores potencialidades que aínda ten pendente a economía e a sociedade española”. Nese senso, Pedrosa destacou esa relación como unha “das maiores debilidades” do sistema universitario español, pero tamén como unha “das maiores oportunidades de progreso”, destacando o labor que desenvolve neste ámbito a Universidade de Vigo que, apuntou, pechou 2021 cunhas cifras de 7,2 millóns de euros captados en proxectos de investigación e 6,5 en actividades de transferencia. 

Información unificada, accesible e actualizada

“A nosa proposta foi deseñar unha ferramenta que unificase todos os recursos que ofrece o campus e facelo da maneira máis accesible para cada un dos segmentos que poidan estar directa ou indirectamente interesados”, explicou Valdés. O resultado final é unha “ferramenta dixital que unifica toda a oferta académica, de investigación, servizos e equipamentos do campus e que permite unha busca personalizada por perfís de usuarios”, establecéndose “catro segmentos” aos que lle presenta a información dun xeito diferente 

Integrado na web do Campus Crea, este catálogo reúne información que “se atopaba dispersa en distintos repositorios” e nalgúns casos “incompleta”, e que se agrupou finalmente en “catro grandes bloques”, explicou Valdés. Por unha banda, o de instalacións, que presenta a información sobre os diferentes centros administrativos, docentes e de investigación, así como das instalacións deportivas, bibliotecas ou laboratorios. Por outra, o bloque de formación aglutina tanto as titulacións de grao, máster e doutoramento, como os títulos propios, o programa de maiores e outras iniciativas de formación aberta. Outro dos apartados reúne información tanto do persoal como dos grupos de investigación, mentres que o bloque de servizos compila, entre outra, a información das iniciativas culturais e deportivas. 

Resultado dun “traballo arduo de compilación dos datos dos diferentes servizos da universidade”, trátase así mesmo dun “catálogo en constante evolución e desenvolvemento”, como engadiu Estévez, que explicou que a idea é que vaia progresivamente incorporando novos datos ou apartados. Nese senso, o responsable de Can Academics recoñeceu que, na súa experiencia no desenvolvemento de máis dun centenar de webs da Universidade, esta “é unha iniciativa pioneira, que non viramos ata hoxe”.