DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesa xornada, conmemorarase o Día Internacional da Creatividade e a Innovación na Casa das Campás

O Campus Crea xa ten o seu día grande, o 21 de abril

Os eixos do proxecto de especialización presentaranse en outono, dentro dos actos do 25 aniversario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 14/04/2015

Para reivindicar o valor da creatividade na resolución de problemas e o que a innovación pode achegar á sociedade, o campus de Pontevedra celebrará por primeira vez o vindeiro martes 21 de abril o Día Internacional da Creatividade e a Innovación. Unha mesa redonda que reunirá a profesionais de diferentes eidos e a presentación de diferentes proxectos de investigación na Casa das Campás compoñen o programa desta xornada, que servirá tamén para falar “do camiño de futuro que estamos a construír para o campus”, como apuntou o reitor, Salustiano Mato, xa que o proxecto é que este día se converta nunha “data de referencia” para o proxecto de especialización do campus e co paso dos anos se converta “o día do Campus Crea”.

Acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, Mato mantivo este martes un encontro informativo cos medios de comunicación dirixido precisamente a afondar nos avances do proxecto do Campus Crea e presentar un acto que nace coa vocación de servir como “aperitivo introdutorio” ao que se agarda sexa unha “data de referencia, un día para celebrar que estamos especializando o campus arredor da creatividade”, como salientou o reitor. Por iso, esta xornada repetirase cada ano no marco da Semana Mundial da Creatividade e da Innovación, que se conmemora cada ano entre o 15 e o 21 de abril.

A creatividade que nos une

Xunto a Corbacho, que destacou a ilusión que está a supor o “traballo incipiente” de especialización do campus, o reitor ofreceu nesta xornada un primeiro avance dos contidos dun acto que se vai desenvolver a partir das 16.30 horas na Casa das Campás. A esa hora dará comezo unha mesa redonda titulada Os camiños da creatividade, na que profesionais de ámbitos vinculados cos eixos do Campus Crea, como o deporte, a educación ou a saúde, reflexionarán daquilo que lles une, “o uso da creatividade para resolver os seus propios retos”. Xa ás 18.00 horas, este acto aberto á cidadanía continuará con Somos Campus Crea, a presentación de cinco proxectos de investigación en poucos minutos, “dunha forma moi rápida, dinámica e divulgativa”, como tamén o farán os estudantes e titulados seleccionados nos Premios Incuvi-Emprende, que falarán da idea empresarial que está a desenvolver nesta preincubadora de empresas dun xeito rápido e informal, nunha iniciativa que adopta o chamado formato de presentación PechaKucha.

A posta de longo, tralo verán

Trala constitución do seu comité técnico de dirección, o proxecto de especialización do campus pontevedrés atópase dando xa “os seus primeiros pasos”, centrados en cinco áreas de traballo, relacionadas coa investigación e a captación de talento; a transferencia de coñecemento; a cultura, que “ten que ser un leitmotiv fundamental deste campus”; o reforzo da posición das titulacións, e a comunicación e internacionalización, como explicou o reitor. Neste senso, Mato reiterou que os avances no desenvolvemento do plan estratéxico do Campus Crea estanse a ver completados cunha serie de actividades que se están a realizar de xeito paralelo á elaboración do mesmo.

Segundo vaian avanzando estes traballos, tralo verán chegará o momento de celebrar a “posta de longo do Campus Crea”, cun acto previsto para setembro ou outubro que servirá para achegar á cidadanía unha “explicación do que xa está sendo o campus e, sobre todo, do que vai ser”, como anunciou nesta xornada o reitor. Este acto de presentación dos eixos dun proxecto de especialización, que “suporá un salto cualitativo para a cidade de Pontevedra”, enmarcarase na conmemoración do 25 aniversario da Universidade, anunciou tamén o reitor.

O valor dun campus singular

O de Pontevedra é, lembrou Mato, un “campus pequeno pero singular”, no que se asentan varias “titulacións únicas no Sistema Universitario Galego” e que se define tamén pola alta demanda dos seus estudos. Neste senso, o reitor incidiu en que o índice de ocupación das prazas de nova matrícula en Pontevedra supera cada ano o 96%, sendo o máis alto dos tres campus da UVigo, xa que todos os graos están a cubrir as súas prazas, agás o de Enxeñaría Forestal, co que se está a “realizar un esforzo moi específico e co que a dirección da escola está a facer un moi bo traballo”. Aínda que a previsión do reitor é poder chegar ao mínimo de 45 prazas fixado pola Xunta para as titulacións dos campus periféricos, Mato tamén defendeu a “singularidade” desta titulación, así como o valor de Pontevedra como “punto no que se concentran os diferentes organismos de investigación” relacionados co sector forestal.

Esta alta demanda das titulacións levou tamén ao reitor a incidir na necesidade de que "estas fortalezas non leven a pensar que está todo feito”, motivo polo que avogou pola especialización, “xa que non nos podemos conformar con encher as aulas, senón que temos que traballar polo desenvolvemento do potencial investigador e de transferencia de coñecemento”. Nesta liña, Mato defendeu un “modelo proactivo” de institución, que traballe por facer visible o seu labor entre a cidadanía, promovendo un “camiño de ida e volta, para levar a Universidade á cidadanía e a cidadanía á Universidade”, como aconteceu coa xornada de portas abertas que este martes reuniu a máis de 300 escolares no campus. Ao fin e ao cabo, “é a cidadanía á que nos sostén e queremos que nos estimen, que teñan confianza en nós”, engadiu o reitor, que incidiu na importancia de “visualizar na sociedade que coa Universidade se crece economicamente e se crea emprego”.