DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vicerreitora e o concelleiro de Educación inauguraron o curso na Facultade de CC da Educación e do

O campus dálle a benvida aos seus novos inquilinos

Todos os centros, a excepción de Belas Artes, celebraron actos de presentación para o novo alumnado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 05/09/2011

“Grazas por escoller á Universidade de Vigo para este compromiso forte como é formarvos para o voso futuro”. Con estas palabras a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, deulles a benvida ao alumnado de primeiro de grao dos centros pontevedreses que iniciaron este luns a súa andaina universitaria. Todas as facultades, a excepción de Belas Artes, celebraron actos de presentacións encabezados polos equipos decanais nos que facilitaron aos recén chegados as primeiras instrucións “para que nos vaian coñecendo e se sintan como na casa”, comentaron os decanos dos centros.

Acompañada polo concelleiro de Educación, Universidade e Deportes do Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, a vicerreitora apoiou aos novos estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no seu primeiro día de clase, momento que aproveitou para informarlles do labor da Vicerreitoría, “ que está á vosa disposición tanto ante as dificultades como ante calquera acción que queirades emprender”. Salientou a importancia de fomentar o activismo e o asociacionismo entre o alumnado, “xa que o interese e o empeño que poñades é o que vos vai diferenciar e axudar nestes tempos difíciles que estamos a vivir”. Agustín Fernández fixo alusión á relación “estreita e excelente” que o Concello de Pontevedra mantén coa Universidade, destacando “a intención de afondar aínda máis para seguir mellorando a calidade da formación universitaria da cidade”.

Benvida por parte dos decanos e directores dos centros

A excepción da Facultade de Belas Artes que dará a benvida ao seu novo alumnado este mércores 7 de setembro, o resto dos centros do campus acolleron este luns cadanseu acto de presentación. O máis madrugador foi a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no que a decana Francisca Fariña apelou á necesidade de que o novo estudantado sexa consciente da responsabilidade que van asumir, “pois como futuros educadores non só vindes a aprender coñecementos senón a convertervos en transmisores de valores”, aclarou. Pola súa banda, Daniel Martí, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación fixo especial fincapé no momento de cambio que están a vivir as titulacións do centro, “e a necesidade de continuar traballando en función das demandas das empresas e institucións, que están a precisar de novos profesionais adaptados a unha contorna dixital”.

Os alumnos e alumnas do Grao en Enxeñaría Forestal tamén foron recibidos polo director da escola, Enrique Valero, quen lles deu a benvida “a unha profesión apaixonante que traballa co medio natural e co manexo dos bosques”, mentres que Manuel Gutiérrez, director da Facultade de Fisioterapia, lembroulles o recoñecido nivel da titulación, “e o seu carácter pioneiro en España ao adaptarse en bloque ao EEES”.

Un campus “acolledor e moderno”

Cos nervios do primeiro día, novos alumnos e alumnas xa se concentraban a primeiras horas da mañá a carón dos salóns de actos dos centros. As primeiras impresións non tardaron en chegar, pois Adrián Francisco, novo alumno do Grao en Educación Primaria, sinalou o estilo “vangardista” da facultade, “ademais de que semella un campus moi acolledor”. Sara Iglesias, estudante de 1º de Grao en Comunicación, estaba “ansiosa por coñecer as instalacións”, mentres que Yolanda Bernández, tras visitar os laboratorios da Escola de Enxeñaría Forestal, recoñeceu o bo equipamento do centro.

Este martes e mércores continuarán as presentacións para os alumnos de primeiro de grao coa celebración de Cursos 0 que inclúen módulos e obradoiros de carácter obrigatorio nos que o persoal do campus informará dos principais servizos universitarios, ademais de facilitar as principais instrucións “para empezar con bo pé esta andaina”, comentaba a decana Francisca Fariña.