DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os egresados de Ciencias do Mar dan os seus primeiros pasos cara o mercado laboral

O campus despide as dúas últimas promocións deste curso

O estudantado de Enxeñaría Técnica Industrial celebrou un acto conxunto con todas as escolas de Gali

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río / S. Alcázar DUVI 02/07/2010

Co verán xa entrado, o campus de Vigo despide ás dúas últimas promocións que rematon os seus estudos neste curso 2009-2010 con sendos actos de graduación na Facultade de Ciencias do Mar e na EU de Enxeñería Técnica Industrial. Á primeira hora da tarde celebrouse o acto de licenciatura da décimo quinta promoción de Ciencias do Mar composta por vinte cinco alumnos que tiveron como padriño ao profesor Mariano Lastra. O reitor, Salustiano Mato, animounos a loitar por unha titulación que, de agora en diante, vai a bandeira da Universidade, en alusión ao proxecto do Campus do Mar. O reitor, que impartiu docencia ás tres primeiras promocións, lembrou os comezos da titulación con nostalxia e amosouse comprometido do futuro da mesma, “tedes en min a un aliado no camiño de que se vos recoñezan as vosas capacidades profesionais plenamente como oceanógrafos”, o que é xa unha demanda histórica.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero e o decano da Faculta de Ciencias do Mar, Jesús Souza, coincidiron en salientar a implicación da Universidade e a cidade co mar. Mato lembrou que se sacou adiante un proxecto que moito crían imposible como é a Ecimat de Toralla, “co traballo intenso e conxunto de todos” e rememorou como dende o centro se articularon moitos dos traballos contra a marea negra do Prestige. Agora, co Campus do Mar, “necesitámosvos máis ca nunca, seredes imprescindibles e o cerne do futuro”. O alcalde tamén remarcou que neste campo das ciencias mariñas Vigo é punteiro e a cidade ofrece aos titulados todas as posibilidades que moitos teñen que buscar fóra. “Vigo e mar son un” engadiu e na cidade “todo o mundo sabe da vosa excelencia e da vosa excepcional formación”. O discurso do decano, Jesús Souza, comezou cun agradecemos a pais e familiares polo apoio prestado aos estudantes durante cinco longos anos, repasados nun vídeo elaborado polos estudantes da décima promoción. Souza lembrou que no primeiro día de carreira a todos eles se lles remarcou a palabra esforzo, “algo que debedes seguir tendo presente”. Sobre o seu futuro laboral, animounos a sacar partido á crise, “que adoitan ser períodos curtos nos que se toman decisións drásticas, pero aos que seguen longos períodos de crecemento”, polo que entende que se debe interpretar como unha oportunidade.

O padriño da promoción, o profesor Mariano Lastra, fixo un percorrido por un dos itinerarios profesionais que os egresados poden tomar neste momento, o da investigación. Explicoulles os pasos a seguir e remarcou a importancia do esforzo e do traballo, “palabras que se anulan no momento no que vos gusta o que facedes, entón non vos importará renunciar a moitas cousas e veredes o traballo como unha diversión” .

Acto conxunto para os enxeñeiros técnicos industriais de Galicia

Un total de 394 Enxeñeiros Técnicos Industriais de toda Galicia recibiron este venres súas insignias, entre eles 209 titulados pola Universidade de Vigo. Durante o acto de graduación, celebrado na EU de Enxeñaría Técnica Industrial, o reitor, Salustiano Mato, felicitou a todos os egresados e desexoulles o mellor “para exercer unha profesión que se achega e visibiliza tan claramente diante da cidadanía, dedicada a resolver os problemas da sociedade e das empresas”. Ademais, o reitor salientou as oportunidades que lles brinda, tanto aos novos titulados como aos aínda estudantes, o Plan Boloña, “que abre as fronteiras a Europa e vos permite realizar unha formación continua, adaptada e compatible co exercicio laboral”. Pola súa banda, o director da EUETI, Carlos Vivas, transmitiu aos novos titulados o “constante apoio desta escola”, mentres que o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, José Pose, lembroulles aos enxeñeiros que exercerán unha profesión “privilexiada” posto que “ningunha crise puido minguar as súas saídas profesionais” e convidou aos egresados a colexiarse para unirse a “un dos colectivos profesionais máis importantes a nivel nacional".

O acto contou tamén coa presenza do presidente do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Edmundo Varela, que animou aos egresados a conservar a “tradición industrial tan importante das cidades de Vigo e a Coruña”. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, resaltou a gran vinculación da cidade co sector industrial, “materializada en empresas como Citröen e os estaleiros Barreras” e transmitiulles aos novos titulados o “desexo do mercado laboral por contar con enxeñeiros coma vós, pola vosa capacidade de crear e construír, sendo os encargados de facer o Vigo, a Galicia e incluso a España do futuro” .

Previo ao reparto das insignias entre os titulados da Facultade de Ciencias de Lugo, a Escola Politécnica Superior de Ferrol e a EU de Enxeñaría Técnica Industrial de Vigo, o presidente da Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo, José Mª Franco, ofreceu aos asistentes unha conferencia titulada O reto universidade sociedade, na que salientou o achegamento entre a institución e a cidadanía, así como o gran desenvolvemento da Universidade “dende os seus inicios ata a actualidade, na que, grazas ao proceso de Boloña, goza de calidade, mobilidade e excelencia”. Finalmente, o secretario do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, José Manuel Seijo, fixo entrega das insignias aos titulados das diferentes especialidades e escolas de Galicia e os número un de cada titulación e centro recibiron placas honoríficas.