DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Achega datos da irradiación solar, temperatura, velocidade do vento e rango de choiva

O campus estrea unha estación meteorolóxica para definir futuras estratexias de sustentabilidade

Ciencias Sociais e da Comunicación inaugura tamén un sistema solar fotovoltaico que aforra 4000 euro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 30/11/2011

Antes da instalación de calquera infraestrutura para xerar enerxía renovable é imprescindible coñecer as características do lugar no que a condicións atmosféricas se refire. Con este fin e coa vista posta na sustentabilidade dos seus edificios, o campus de Pontevedra estrea unha estación meteorolóxica colocada na cuberta da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación que permite obter datos a tempo real de irradiación solar, temperatura, velocidade do vento e rango de choiva. Esta facultade inaugura ademais un sistema solar fotovoltaico con vertido á rede eléctrica, o primeiro do campus, “cunha potencia que igualan poucas instalacións do mesmo estilo na cidade”, explica Alejandro Martínez, membro da Unidade Técnica da Universidade de Vigo e encargado do proxecto.

A estación meteorolóxica resulta fundamental para elaborar a estratexia de sustentabilidade do campus a medio e longo prazo, “tomando decisións a partir de conclusións técnicas resultantes dunha análise da contorna”. Todos os datos que xera o aparello son recibidos nun ordenador que vai procesando a tempo real a información recollida. Como sinala Martínez, o estudo destes datos debe facerse no seu conxunto, tras unha recompilación estatística de varios anos. “Para instalar un xerador eólico nun futuro, non podemos basearnos en datos dun ano, terase que comparar, polo menos, información dun lustro”. Considera imprescindible dispor de datos obxectivos para tomar decisións eficaces e eficientes, “tanto para actuar con renovables como para determinar medidas pasivas, como o deseño da envolvente dun edificio”, engade.

Restar kilowatios á factura da luz

Por outra banda, coa instalación do sistema solar fotovoltaico, “a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, unha das que máis consume do campus polas súas dimensións, pode aforrar na súa factura de luz uns 4000 euros anuais”, apunta Martínez. Esta redución é posible xa que o aparello verte á rede eléctrica a nova enerxía xerada medida pola compañía nun novo contador. Así, esa cantidade de electricidade obtida dos raios do sol réstaselle á que rexistra o contador de consumo da facultade, reducindo deste xeito o gasto en luz. O sistema ten unha potencia de 10 kilowatios, “co que se cubriría o 100% da calefacción e da enerxía eléctrica dunha vivenda unifamiliar de 300 metros cadrados ao longo do ano”, aclara Martínez.

A instalación fotovoltaica conta con 48 paneis dispostos na cuberta da facultade de xeito que prexudique o menos posible o teito do edificio. “En vez de perforar a lámina superior, optouse por apoiar a estrutura en contrapeso, conseguindo que flote grazas á instalación de gomas de neopreno”, explica o responsable da Unidade Técnica. Aínda que o proxecto foi deseñado por Alejandro Martínez, a obra levouna a cabo a empresa Portosolar ademais de contar coa colaboración dos expertos David Gil, Antonio García e José Antonio López.

Na actualidade a estratexia de sustentabilidade do campus está centrada en mellorar a ventilación das aulas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte mediante a instalación de tres recuperadores de calor que permitan a renovación de aire para reducir os elevados índices de dióxido de carbono e para solucionar o problema térmico no inverno.