DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A partir deste mércores na Escola de Enxeñaría Forestal

O campus estrea Unidade de Fisioterapia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 16/04/2013
A partir deste mércores, a comunidade universitaria do campus de Pontevedra terá ao seu dispor unha Unidade de Fisioterapia que prestará servizo na Escola de Enxeñaría Forestal. Dirixida por unha diplomada en Fisioterapia o seu obxectivo é contribuír á recuperación funcional das persoas que o precisen para que se poidan reincorporar o antes posible á súa vida cotiá. Entre os servizo que ofrece está a readaptación funcional, a recuperación de lesións deportivas e a prevención e tratamento da dor de costas. No tocante aos tratamentos, estes inclúen a terapia manual, a reeducación postural, a electroterapia e a cinesiterapia.

Este servizo compleméntase, co fin de proporcionar un tratamento integral durante as diferentes fases da recuperación, coa actividade física personalizada e coa Unidade de Medicina Deportiva. Esta unidade, presente tamén nos tres campus da Universidade, ofrece, da man do doutor Crespo, diferentes servizos médico-deportivos personalizados que van da revisión médico-deportiva básica; a revisión médico-deportiva avanzada; consultas concretas; consulta dietética; control antropométrico ou a realización de probas de esforzo.

Horario e prezos

Aberto a toda a comunidade universitaria, o prezo do servizo dependerá de se trata de persoas posuidoras da tarxeta deportiva universitaria. O horario para as citas será os mércores de 13.00 horas a 14.00 e estas deberán reservarse ben no Pavillón Universitario do campus (986802088), ben na Casa da Campás (986802080).

Os prezos varía segundo se contrate unha sesión ou se opte polos bonos. No primeiro caso, o custe é de 18 euros para os membros da comunidade universitaria e de 15 euros para aqueles que acreditan contar coa Tarxeta Deportiva Universitaria ou estar federados no Club Deportivo Universidade de Vigo. No caso dos bonos de cinco sesións, o prezo é de 70 euros para a comunidade universitaria e de 60 para aqueles que teñan a TDU ou sexan federados.