DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade asinou un convenio de colaboración con cada unha das entidades

O campus fortalece a súa alianza co Colexio de Economistas e co Ateneo

O obxectivo é a organización de accións conxuntas no eido empresarial e cultural

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 08/07/2013

Un dos sinais de identidade do campus de Ourense é a súa vinculación coas institucións e axentes da cidade e da provincia onde está asentado. Nesta liña de traballo, este luns a Universidade de Vigo quixo, mediante a sinatura de varios convenios marco, estreitar os lazos con dúas entidades destacadas no panorama socioeconomico ourensán, como son o Colexio de Economistas e o Ateneo. Con elas, a institución académica traballará na posta en marcha de actividades no eido cultural e económico que redunden en beneficio da comunidade universitaria pero tamén da cidadanía en xeral. “Estes novos convenios son un paso máis no obxectivo que temos de achegarnos cada día máis á sociedade”, destacou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, durante o acto de sinatura.

Para achegar a realidade económica ao estudantado

O primeiro dos convenios asinados contou coa participación de Salustiano Mato e Manuel Guillermo Díez, decano do Colexio de Economistas de Ourense, ademais da presenza de María Lameiras, vicerreitora do campus, e de Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. “Co Colexio de Economistas a Universidade vén mantendo diferentes vías de colaboración. Con este convenio o que faremos será intensificar esta colaboración e abrila a novas accións”, apuntou o reitor. “Agardamos servir de nexo entre o alumnado universitario e a realidade económica na que se van a ter que desenvolver estes estudantes”, destacou Manuel Guillermo Díez, que lembrou o éxito das accións conxuntas realizadas anteriormente polas dúas institucións.

Alén de establecer as liñas xerais de colaboración, o convenio detalla diferentes actividades que se realizarán ao seu abeiro. Entre elas están a celebración de xornadas de comunicación sobre as saídas profesionais dos estudos de Administración e Dirección de Empresas; a creación dun premio ao mellor expediente académico do grao en ADE da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e a posta en marcha do Foro de Economía e Sociedade, con profesores e investigadores da Universidade de Vigo e co obxectivo de crear unha plataforma de debate e opinión que permita avanzar na transferencia do coñecemento económico e empresarial a toda a sociedade ourensá sobre asuntos económicos relevantes, desde o emprendemento ata o medio ambiente.

A posta en marcha dun premio de investigación para alumnos de grao e posgrao de contido económico e empresarial e a celebración dun encontro anual de economía e empresa, onde participarán tanto persoal docente e investigador como profesionais colexiados, serán outras das iniciativas que se realizarán no marco deste acordo. A colaboración académica e científica; a difusión da oferta formativa e das prácticas de estudantes da Universidade entre os colexiados completarán esta nova colaboración, que terá unha vixencia de catro anos prorrogables.

Para fomentar a cultura

O segundo dos convenios asinados este luns foi co Ateneo de Ourense. “O obxectivo desta colaboración será a valorización e o achegamento da cultura, en toda a súa expresión, á cidadanía coa implicación da comunidade universitaria”, explicou Salustiano Mato. “Hoxe é un día moi importante para nós. O Ateneo foi e é un referente cultural de Ourense e poder contar co apoio da Universidade é para nós moi importante”, recalcou Isabel Salgado, presidenta do Ateneo de Ourense. O convenio establece un marco de relacións e compromisos entre as dúas institucións para levar a cabo accións conxuntas de apoio e promoción da ciencia e da cultura e dos valores asociados a elas.

O acordo, que tamén terá unha vixencia de catro anos prorrogables, permitirá desenvolver proxectos que teñan por obxectivo a promoción da cultura e do deporte; a mellora da percepción social dos efectos positivos da cultura, e o fomento da participación cultural de toda a sociedade ourensá, e concretamente da comunidade universitaria. Para acadalo, o Ateneo ofrecerá unha cota preferente aos estudantes da Universidade de 5 euros ao mes e de 9 euros para o resto da comunidade universitaria.