DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como continuidade aos obradoiros de interpretación de instrumentos populares dos últimos cursos

O campus impulsa unha aula permanente de música tradicional

A Vicerreitoría abre tamén a inscrición nos cursos de locución audiovisual, oratoria e comisariado a

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 21/09/2017

Nos dous últimos cursos, os obradoiros de interpretación de instrumentos populares promovidos pola Vicerreitoría do campus contribuíron a que a gaita, o pandeiro ou a zanfona contasen cun espazo propio no campus e mesmo á que nacese nel un grupo de música tradicional, que o pasado mes de maio realizaba a súa primeira actuación, no marco da conmemoración do Día das Letras Galegas. Co propósito de dotar dunha maior continuidade e entidade a esta formación, á Área de Extensión Cultural impulsa unha Aula Permanente de Música Tradicional Galega, que mantén aberto o seu período de inscrición. Así mesmo, co propósito de ampliar a oferta formativa reunida na programación de obradoiros para este outono, a Vicerreitoría suma a estas actividades novas edicións dos talleres de locución audiovisual, oratoria e comisariado artístico.

Trátase, como explica o responsable da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, de catro actividades abertas tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, cun prezo de 26 euros para o primeiro colectivo e de 40 para o público en xeral, os mesmos que terá en cada cuadrimestre unha aula permanente que desenvolverá as súas sesións, a partires do 4 de outubro, na Escola de Enxeñaría Forestal. “A nosa idea foi darlle un carácter anual para que colla outra entidade e que sexa un espazo aberto ao longo de todo o curso”, salienta dunha iniciativa que “gustaríanos que quedase consolidada”.

Iniciación e perfeccionamento

Ao igual que os obradoiros aos que dá continuidade, esta aula permanente contará cun nivel de iniciación, para o que non é preciso ningún tipo de coñecemento musical, e outro de perfeccionamento. De feito, un dos seus obxectivos é facilitar a continuidade do alumnado que, ao trasladarse a Pontevedra, ten que deixar os seus ensaios nas súas vilas de orixe. Con Luís Torres como director e o gaiteiro Luís Sánchez Bolón como profesor, esta actividade, de carácter eminentemente práctico, manterá a dinámica dos talleres previos. “O primeiro será que a xente nova poida probar diferentes instrumentos para escoller o que máis lle gusta”, salienta Torres dunha aula “na que unha vez se inicie o curso é probable que varíe o seu réxime interno”, de tal xeito que, en lugar de compartir unha clase con todos os instrumentos, o alumnado comparta unha hora semanal de traballo en común e se dividida en dous bloques.

Do mesmo xeito, entre os propósitos desta iniciativa, que se desenvolverá ata o 9 de maio, figura tamén dotar de novos integrantes ao grupo de música tradicional do campus, así como organizar un concerto a finais de curso.

Tres propostas xa consolidadas

Ademais desta aula permanente, a Área de Extensión Cultural suma ao programa de obradoiros de Extensión Universitaria deste primeiro cuadrimestre outros tres talleres que “figuraban entre os obradoiros máis demandados nos últimos anos”, como apunta Morquecho. O primeiro en poñerse en marcha será o curso de Locución Audiovisual que imparte a xornalista, actriz e actriz de dobraxe Maika Aguado. Formarse no manexo das calidades sonoras imprescindibles para a correcta locución de mensaxes, potenciar a oralidade para facer máis efectivos os contidos audiovisuais, optimizar os recursos expresivos propios e dominar o uso da respiración e o aparello fonador son os obxectivos do obradoiro que se desenvolverá entre o 3 o 23 de outubro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Neste mesmo centro terá lugar, entre o 9 de outuburo e o 29 de novembro, unha nova edición de Fala, oratoria e comunicación. O experto en clown Alberto Rossel é o encargado de impartir un curso que a través de xogos e dinámicas grupais busca dotar ao alumnado de ferramentas para aumentar a seguridade persoal á hora de falar en público, o seu control emocional ou o recoñecemento da linguaxe non verbal. Por último, do 16 de outubro ao 14 de novembro desenvolverase na Casa das Campás o curso Comisariado e estratexias para artistas, dirixido a achegar ao alumnado aos diferentes ámbitos de traballo do comisariado e xestión de exposicións e impartido polaartista e alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Rocío Osorio e o director da produtora de arte contemporánea Latamuda, Francisco Porto.

A inscrición nestas iniciativas pode realizarse na plataforma Culturxest, onde tamén permanece aberta a matrícula nos obradoiros Iniciación á escalada en rocódromo e no Taller de Ecopercusión.