DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, principal destino do alumnado foráneo

O campus internacionalízase coa chegada dunha cincuentena de estudantes estranxeiros

Música tradicional galega e literatura protagonizaron o acto de benvida

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/10/2009

A recomendación doutros estudantes foi determinante para que o italiano Tony Veraldi se decidise a continuar durante uns meses os seus estudos de turismo e historia no campus de Ourense. No caso de Gulsen Usal e de Judite Agostinho, procedentes de Turquía e Portugal respectivamente e que compartirán formación en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na Facultade de Ciencias, foi o interese pola titulación que se imparte en Ourense o que lles animou a apostar pola mobilidade.
Como Tony, Gulsen e Judite unha cincuentena de estudantes chegados dunha decena de países continuarán durante os vindeiros meses a súa formación no campus ourensán ao abeiro dos programas Erasmus e ISEP, así como de convenios bilaterais establecidos entre a Universidade de Vigo e institucións académicas de países estranxeiros. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo con 21 estudantes, seguida da Escola Superior de Enxeñaría Informática con sete e a Facultade de Ciencias con cinco, son os centros que máis alumnado estranxeiro reciben, sendo Polonia, Alemaña, Italia, Portugal e Francia os países máis representados, aínda que non falta representación de Turquía, Romanía ou Bélxica.

Wellcome to Ourense

Chegados hai poucos días a Ourense, o alumnado estranxeiro foi hoxe o protagonista no Salón de Actos do Edificio de Ferro dun acto de benvida no que a música e a literatura foron os grandes protagonistas sen esquecer o achegamento a algúns do servizos e da oferta deportiva e cultural da que dispoñen no campus. Foron os vicerreitores do campus, Juan Francisco Gálvez e o de Relacións Institucionais, Iván Area, os encargados de darlle a benvida ao alumnado estranxeiro ao que desexaron unha feliz estadía e animaron a aproveitar toda a oferta que a Universidade lles brinda. Tras lembrar que a de Vigo “é a primeira universidade de fala hispana do mundo en colgar os seus contidos docentes en iTunesU”, o vicerreitor de Relacións Institucionais ampliou a invitación ao estudantado estranxeiro a regresar a Galicia non só este ano senón tamén o vindeiro con motivo da celebración do Ano Santo. “Sen descoidar as vosas obrigar como estudantes, non deixedes de aproveitar a oferta cultural e deportiva que o campus pon a vosa disposicións, así como do resto de servizos que precisedes”, sinalaron Gálvez e Area ao inicio dun acto no que a música a lectura tomaron o relevo aos discursos de benvida.

Galicia, terra dos mil sons

Utilizando como fío condutor o libro Instrumentos tradicionais galegos. Unha selección natural, elaborado ao abeiro do Proxecto Ronsel de inventario, salvagarda e posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia, o estudantado estranxeiro tivo ocasión a través da lectura de varios pasaxes do volume editado en formato tetralingüe , de ter un bautismo musical da man de Pablo Carpintero e Gustavo Couto que interpretaron diversas pezas ao son de instrumentos como o birimbao, a ocarina, a gaita e incluso unha folla de árbore.
Tras un peculiar concerto no que alumnado tivo ocasión de entrar en contacto coa música tradicional galega foi a quenda dos responsables das diferentes áreas e oficinas do campus (Normalización Lingüística, Cultura, Deporte, Biblioteca...) que lles presentaron a oferta formativa e de lecer para este curso.