DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de aumentar a mobilidade e internacionalización dos investigadores

Campus do Mar abre unha liña de axudas para axilizar as solicitudes de proxectos internacionais

Suporá unha achega económica importante e permitirá a contratación de persoal de apoio para estas ta

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 12/01/2012
Os longos trámites e complexos procesos de solicitude son algúns dos principais escollos para os grupos de investigación á hora de presentarse a convocatorias de proxectos internacionais. Dende o Campus do Mar propuxéronse simplificar estes trámites e axilizar a elaboración das solicitudes coa apertura dunha convocatoria de axudas que permitirá aos grupos de investigación integrantes do Campus de Excelencia Internacional contratar persoal ou asistencias técnicas con este fin e cubrir os gastos derivados.

Tal como apunta Francisco G. Figueiras, director da Área de Investigación do Campus do Mar, “é unha axuda económica moi importante, necesaria e interesante. A preparación de este tipo de proxectos sempre significa gastos extra que habitualmente non están contemplados en ningún outro proxecto en curso, co que é difícil ou imposible a súa xustificación e, en todo caso, implica detraer cartos do orzamento de outros proxectos vixentes”.

A finalidade é incentivar a participación dos equipos de investigación integrantes dos clústers de I+D e das liñas emerxentes do Campus do Mar na preparación de proxectos de investigación de carácter internacional (Programas Marco, Cooperación Transfronteiriza, etc.), con vistas a fomentar a colaboración con organismos de recoñecido prestixio internacional. Isto outorga ao Campus do Mar unha maior credibilidade e visibilidade como referente internacional en ciencia, tecnoloxía e xestión do mar e reforza o seu atractivo institucional.

Prazos e proceso de solicitude

As axudas concedidas deberán servir para axudar en todos os trámites e gastos que xera a preparación dun proxecto internacional, de xeito que “non só se contempla a contratación de persoal, senón tamén a contratación de axudas técnicas e os gastos dos desprazamentos necesarios do equipo solicitante”, puntualiza Gómez Figueiras.

A convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de maio e as axudas concedidas corresponderán ao ano 2012. Poderán solicitar esta axuda os investigadores dos socios promotores dos organismos da agregación de I+D do Campus do Mar asentados en Galicia que pretendan presentar proxectos de investigación de carácter internacional.

Unha comisión de avaliación, presidida polo director da Área de Investigación do Campus do Mar estudará as propostas atendendo á calidade científica do equipo solicitante, á súa experiencia científica previa, á relevancia da proposta, á presenza de investigadores de universidades portuguesas e á adecuación do orzamento solicitado aos obxectivos propostos.

O montante total da convocatoria é de 160.000 euros para este ano, que se repartirán en dúas resolucións dunha convocatoria aberta. A primeira resolución terá lugar o 29 de febreiro e a segunda o 30 de xuño, reservándose para primeira un máximo de 90.000 euros. No caso de non adxudicar todo o orzamentado nesta primeira edición, resérvase o remanente para unha segunda edición. O director da Área de Investigación explica que “as axudas teñen un máximo de 15000 euros no caso de que o solicitante lidere ou coordine o proxecto internacional e de 5000 euros cando os investigadores lideren un subproxecto.