DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abel Caballero ofreceu a Salustiano Mato un espazo para a Universidade no edificio municipal da rúa

Campus do Mar abre á porta á participación do Concello de Vigo como elemento dinamizador

Reitor e alcalde de Vigo mantiveron un encontro hoxe en dependencias de alcaldía

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/10/2011
Como socio adherido e chegado un momento no que a gobernanza está bastante avanzada, o Concello de Vigo poderá implicarse en accións directas que desenvolverá o Campus do Mar, actuando como elemento dinamizador a través de accións participadas pola cidadanía. Esta implicación máis directa do concello a través de accións concretas no Campus do Mar, centrou o encontro que este mediodía mantiveron no consistorio vigués o alcalde, Abel Caballero e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e no que ambos responsables institucionais avanzaron en temas comúns como que a Universidade dispoña dun espazo no centro da cidade para a realización de diferentes actividades. Un espazo que o alcalde avanzou hoxe estaría localizado no edificio municipal da rúa Areal que o goberno local está distribuír e no que segundo Caballero a Universidade poderá contar cun local “porque é bo que o reitor teña presenza na cidade”. O edificio municipal do Areal cómpre lembrar que xa acolleu entre os anos 1992 e 2006 diferentes servizos da Universidade de Vigo como a Reitoría, varias vicerreitorías e diferentes áreas e servizos da institución académica.

As últimas fases da cesión municipal de terreo para o establecemento de CITEXVI, Cidade Tecnolóxica de Vigo, para a que o goberno local cederá solo a través dun convenio e o proceso de deseño da nova sinalización dos accesos ao campus universitario de Vigo que segundo avanzou o alcalde, o goberno local está a culminar, foron outras cuestións tratadas no segundo encontro mantido entre Caballero e Mato, despois da chegada do reitor ao cargo en xuño de 2010.

Á espera da presentación pública e aprobación do plan sectorial da ETEA

Salustiano Mato confirmou, unha vez finalizada a reunión co alcalde, que o director do Campus do Mar, Emilio Fernández traballará en accións concretas nas que intervirá o Concello “como elemento dinamizador, accións que van implicar aos cidadáns no Campus do Mar”. A partir dun paquete de propostas, e de mutuo acordo con Concello, determinarase cales desas actividades se poñen en marcha, “medidas, como por exemplo”, explicou Mato, “que teñen que ver con incorporar ao Campus do Mar como primeiro emprego en prácticas a alumnado de FP de Vigo; temas relacionados con mobilidade de estudantes vigueses ou outros relativos á divulgación científica ou á participación cidadá”.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o reitor da Universidade de Vigo tamén se referiu ao futuro da sede corporativa de Campus do Mar na ETEA que Mato asegurou “estamos impulsando para que non se retrase e aínda que non é imprescindible para o desenvolvemento do proxecto estratéxico, terá un efecto multiplicador e permitirá tanxibilizar o campus”. O reitor asegurou que é importante que en 2012  “podamos empezar a actuar e que todo estea listo en 2013 que era prazo que tiñamos previsto”.
Mato lembrou que a Universidade segue a traballar coa consellería nos detalles do plan sectorial do que asegurou “espero que pronto que se produza o proceso de presentación pública e posterior aprobación que nos permitirá marcar un punto cero para facer un calendario con períodos concretos”. A aprobación do plan sectorial permitirá tamén, como destacou o reitor, promover convenios de fondos FEDER específicos e sempre “atendendo todas as sensibilidades e que os veciños estean orgullosos”.

Neste sentido o reitor incidiu en que a sede corporativa de Campus do Mar na ETEA será algo para o disfrute de todo o mundo e non “unha operación industrial complexa” e incluso bromeou ao asegurar que as instalacións do campus “competirán co parque de Castrelos para facer fotos de voda”. Un escenario no que serán determinantes as rehabilitacións ás que serán sometidos varios dos edificios que actualmente ocupan a parcela da ETEA, así como o desprazamento cara ao interior que a Universidade realizará dunha das súas instalacións, evitando que quede situada xusto á beira do mar.