DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 29 de xullo

Campus do Mar abre o prazo de solicitude das súas bolsas de mestrado

Para estudar un posgrado en calquera das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/07/2011
Na procura de formar aos investigadores e científicos do futuro, o Campus do Mar vén de abrir a convocatoria de bolsas para estudar no vindeiro curso un mestrado en calquera das tres universidades galegas, promotoras do Campus de Excelencia Internacional Rexional. A finalidade destas axudas é promover os estudos de posgrao e promover a calidade tanto nos mestrados como no doutoramento, entendendo estas bolsas como un instrumento central no proceso de transformación en CEI.

A convocatoria, aberta ata o vindeiro 29 de xullo, está destinada a estudantes de calquera nacionalidade que sexan admitidos nun mestrado impartido no Sistema Universitario de Galicia no vindeiro curso. En total concederanse 35 axudas sempre e cando os seus solicitantes centren o eu traballo de fin de mestrado no eido mariño ou marítimo. Para iso, as universidades galegas contan cunha ampla oferta de programas de posgrao, ben especificamente relacionados co mar, ou ben que aborden campos relacionados dentro dos seus contidos, permitindo así elaborar o proxecto final sobre contidos especificamente mariños. Deste xeito non se limita a concesión de axudas ao campo científico ou tecnolóxico senón que ofrece un abano aberto ao humanístico e ao xurídico-social.

Contía e período da axuda

A bolsa financiará o custe da matrícula do mestrado, ata un máximo de 1800 € no caso de másters científicos e tecnolóxicos e de 1200 € nos dos ámbitos de humanidades e xurídico-sociais.

Paralelamente os bolseiros recibirán unha dotación mensual de 750 € durante o período da axuda. No caso de aqueles bolseiros que non dispoñan de cobertura médica en España, a bolsa incrementarase nunha cantidade de 800 a 1000 € anuais dependendo da nacionalidade e da idade do solicitante destinados á contratación do correspondente seguro médico (non farmacéutico) en beneficio do bolseiro ou bolseira.

O período da axuda será do 1 de setembro de 2011 ao 30 de xullo de 2012, considerándose non obstante. O goce desta bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada con fondos públicos ou privados españois ou comunitarios.

Requisitos da convocatoria

A esta convocatoria poderán concorrer todos aqueles estudantes que teñan rematado os estudos que deron acceso ao máster despois do 1 de xaneiro de 2008, con excepción de determinados casos nos que debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2005. Entre estes casos, as mulleres que acrediten terse dedicado á atención e coidado dos fillos menores de cinco anos entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 1 de xaneiro de 2011; os titulados que acrediten a súa colaboración con algunha ONG entre os anos 2006 e 2011; os titulados en Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química ou Psicoloxía, que no momento de solicitar a bolsa estean en posesión do título oficial da Especialidade Médica (MIR) ou Farmacéutica (FIR) ou que conten co certificado oficial da Especialidade en Bioloxía (BIR) Química (QUIR) ou Psicoloxía (PIR).

O requisito fundamental é a elaboración dun traballo de fin de máster centrado no ámbito mariño ou marítimo e, en particular, nas temáticas definidas no proxecto de conversión en Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar, como a biotecnoloxía mariña; as ciencias mariñas; a saúde e o mar; a tecnoloxía; calidade e seguridade de alimentos de orixe mariño; as TIC no medio mariño; a enxeñaría aplicada ao eido mariño ou as ciencias económicas , sociais ou xurídicas e humanidades.

A avaliación e selección dos candidatos será efectuada por una comisión de expertos presidida pola Directora da Área de Docencia e Captación de Talento do Campus do Mar, Elsa Vázquez.