DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade espera a adhesión xeral dos portos galegos, cos que xa se mantiveron contactos

O Campus do Mar acada o apoio da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, o primeiro porto en sumarse á iniciativa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 13/04/2010

A Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa vén de sumarse ao proxecto do Campus do Mar co que a Universidade de Vigo concorrerá á vindeira convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación. É o primeiro porto que se une á iniciativa, algo que se considera o paso inicial para a adhesión dos restantes portos galegos. Así o manifestaron trala sinatura do convenio o presidente da Autoridade Portuaria arousá, Fernando Javier Puertas Castillo, e o reitor da Universidade, Alberto Gago. “É un orgullo para un porto pequeno como o noso e para unha das rías máis ricas e fermosas de Galicia ser os primeiros en subscribir este convenio e estou seguro de que detrás virán máis, pois cónstame que todos os portos teñen a intención de unirse ao proxecto”, manifestou Puertas Castillo. “Realizamos este esforzo gustosamente en nome de toda a comunidade portuaria para apoiar de maneira incondicional esta candidatura do sur de Galicia, da ría de Arousa, de Vilagarcía e de toda Galicia”, engadiu.
Pola súa parte, o reitor subliñou que xa se ten falado con todos os portos, que amosaron a súa vontade de unirse malia non terse aínda asinado os convenios. “Desde Ferrol ata Vigo, pasando por portos de Galicia e do Estado, inclúense todos, o que é indicativo do que pretendemos: definir unha ventá única á que dirixirse para os temas de I+D+i do mar”, afirmou.

Beneficios para os axentes económicos da ría de Arousa

Malia ter colaborado en múltiples ocasións, este convenio é tamén o primeiro acordo oficial que subscriben as dúas institucións, o que supón para o presidente do porto “un pracer por poder participar nun proxecto tan importante para Galicia, que ten como obxecto a colaboración para o desenvolvemento da investigación, a innovación tecnolóxica e a potenciación da I+D+i, formulada desde a transferencia do coñecemento e a defensa do medioambiente”. Puertas Castillo considera que este convenio “traerá beneficios para todos os axentes económicos da ría de Arousa, máis non só, senón tamén para os de toda Galicia”. “O noso compromiso é precisamente poder colaborar na xeración de actividades empresariais, que teñen como punto de partida os criterios tecnolóxicos”, especificou e engadiu: “estou convencido de que este proxecto, nunca mellor dito, vai chegar a bo porto”.
O reitor quixo resaltar a importancia da adhesión dos portos nun proxecto tan amplo para poder desenvolver xunto cos demais parceiros a súa intención fundamental: “a transformación do sector, pensando no que vai ocorrer no mar en Galicia dentro de 20 anos”. No relativo á cooperación particular co porto vilagarcián, Alberto Gago remarcou que “non se trata só de bichos”. “Esta iniciativa ten unha compoñente tecnolóxica fortísima e, por exemplo, os nosos máis de 200 doutores en Telecomunicación teñen moito que achegarlle aos armadores en temas de telemedicina, na detección on line de sinais ou no uso de redes de boias para recoller parámetros da auga a diferentes profundidades”, comentou. Destacou tamén que “o Campus da Excelencia é unha interesante marca para captar financiación e recursos conxuntamente”. “Non está o mundo para soberbias e onde haxa unha convocatoria alí estaremos”, comentou.