DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Campus do Mar afianza os seus lazos transoceánicos

Coa sinatura dun convenio coa Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola do Istmo Centroamericano

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/08/2012

Con aliados ao outro lado do océano Atlántico, o Campus do Mar afianza a súa proxección internacional e estende o seu radio de acción tanto no eido científico como académico. O último dos aliados que se unen a este proxecto é a Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola do Istmo Centroamericano, Ospesca, coa que se asinou este venres un convenio marco de colaboración.

A sinatura, a través de videoconferencia, coincidiu coa celebración en Nicaragua dunha xuntanza de viceministros e directores xerais de pesca dos países centroamericanos. Por parte da Universidade, foi o reitor, Salustiano Mato, o encargado de rubricar este acordo, mentres que por parte do organismo latinoamericano asinou Steadman Fagot Muller, presidente executivo do Instituto Nicaragüense da Pesca. Xunto con eles, participaron nesta xuntanza virtual, o xerente de Ospesca, Mario Recino; o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, e o director da súa Área de Internacional, Alberto González-Garcés.

O memorando asinado ten como obxectivo establecer un marco legal para impulsar a creación de mecanismos de cooperación entre a Universidade de Vigo e Ospesca, que se enmarcarán nas actividades do Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar. Trátase así de fortalecer o desenvolvemento académico, científico, docente e de investigación do istmo centroamericano no eido da pesca, a acuicultura e a maricultura así como a súa comercialización, de xeito que repercuta positivamente no desenvolvemento sectorial e das persoas que dependen do mesmo a través da aplicación práctica do coñecemento científico.

Tres eixos centrais de traballo

Ospesca reúne a sete países centroamericanos, Belice, Guatemala, Honduras, El Salvador, Nicaragua, Costa Rica e Panamá nunha aposta común por potenciar o sector da pesca e da acuicultura, impulsando o desenvolvemento e modernización de ambos, a tecnoloxía e a investigación científica.

Nestes aspectos centrarase o traballo conxunto de ambas institucións, ao abeiro dun convenio de tres anos de duración e prorrogable no tempo. Así, tanto dende o Campus do Mar como dende Ospesca, delimitan tres áreas de colaboración prioritarias. Por unha banda, o reforzo da investigación mariña e marítima en todos os seus ámbitos de actuación; por outra, o reforzo da oferta e calidade da formación académica en base ás liñas de investigación identificadas e, finalmente, o apoio á implementación de iniciativas de desenvolvemento produtivo. No marco deste acordo, crearanse unha comisión mixta e un grupo de traballo, que serán os órganos encargados da planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas desta colaboración.

Ospesca

A Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola do Istmo Centroamericano botou a andar en 1995 da man das autoridades de pesca e acuicultura desta parte do continente americano. Os sete países membros, conscientes de que os recursos pesqueiros existentes nas súas augas xurisdicionais son bens comúns (a gran maioría deles son migratorios ou altamente migratorios) decidiron unir esforzos ante oportunidades e desafíos de desenvolvemento similares. Así, a súa finalidade é concretar e promover un modelo de crecemento rexional harmónico e sostible da pesca e da acuicultura, que garanta a obtención de máximos beneficios sociais e económicos para a poboación centroamericana.