DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato reivindicou un CEI para “o campus que o mar merece”

Campus do Mar amosa o corazón e a alma dos millóns de persoas que piden un Campus de Excelencia Internacional

Xornada de presentación no CSIC das 22 propostas que concorren á convocatoria de 2010

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría e M. Del Río DUVI 19/10/2010

Recoñecemento do traballo de centos de persoas ao longo de moitos meses. Aberta reivindicación dun recoñecemento. Recordatorio dos alicerces sobre os que asenta o proxecto, pero sobre todo posta en valor do seu corazón e da súa alma. Durante os dez minutos ao longo dos que se prolongou a súa exposición, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, trasladou ás máis de trescentas persoas que hoxe se deron cita na sede do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, a esencia do Campus do Mar, “o campus que o mar se merece”, dixo Mato, “un mar que falou e que o fixo para dicirnos que nos elixira”.
En presenza de presidentes de comunidades autónomas e dunha ampla representación dos sectores político, económico e social e das restantes delegacións das 21 universidades que concorren á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional 2010, Mato lembrou os apoios acadados por un proxecto “multipaís, multicultural e plural” e asegurou que “hoxe estamos aquí para dicirlles que queremos un Campus de Excelencia Internacional para Campus do Mar”.

Finalizada a presentación, a cuarta nunha relación de 22 universidades que deu comezo coas intervencións do ministro de Educación e da ministra de Ciencia e Innovación, tanto o reitor como resto de integrantes da delegación viguesa, así como co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez , expresaron o seu convencemento nas posibilidades do proxecto de acadar a cualificación de Campus de Excelencia Internacional, así como a súa materialización nun proceso no que segundo o reitor “non se dará un paso atrás”.

O corazón e a alma do Campus do Mar

Nun discurso articulado en dúas partes enlazadas cun vídeo no que se puña de manifesto o amplo apoio acadado polo Campus do Mar ao longo dos últimos meses, Salustiano Mato incidiu nas principais cifras dun proxecto no que traballarán máis de 3100 investigadores, 23 institucións e máis de 1350 doutores. Así mesmo lembrou o seu obxectivo de incrementar nun 10% a contratación entre empresa e agregación de I+D e destacou que a Escola Internacional de Posgrao do Mar “porá especial enfoque na atracción de talento procedente de América Latina e Asia e cun forte compromiso de cooperación para o desenvolvemento de África”.

Pero máis alá das cifras e dos socios que conforman o proxecto, Mato, descubriu hoxe o “corazón e a alma do Campus do Mar que representa a de millóns de persoas que apoian, desexan e piden un Campus de Excelencia Internacional ”. Na súa intervención o reitor da Universidade de Vigo situou ao mar como protagonista dunha lenda que corre nos últimos meses por Galicia e o Norte de Portugal e que afirma que “o mar falou e o fixo para dicirnos que nos elixira. Tamén se di que os homes escoitárono. Eu creo que a lenda é certa e estou aquí para traerlles a súa voz. E espero que vostedes tamén a escoiten”.
Partindo da convicción de que o galego é un pobo elixido polo mar, Mato lembrou os séculos de relación entre o home e o mar e manifestou publicamente o compromiso de “seguir coñecendo e aprendendo do mar, a compartir o aprendido e a acoller a todos aqueles que xunto a nós queiran conquistar un futuro mellor”.

Convicción nun proxecto gañador

“É un proxecto destinado a gañar”. Con esta palabras expresaba o alcalde de Vigo, Abel Caballero, unha vez finalizada a intervención de Salustiano Mato, a súa confianza nas posibilidades de Campus de Mar de se converter en Campus de Excelencia Internacional. “Seguro que non hai un proxecto coas características que atesoura o Campus do Mar”, sinalou Caballero referíndose en especial ao seu aval científico e apoio social.

Pola súa banda o director do Instituto Español de Oceanografía, Eduardo Balguerías, destacou a gran coherencia do proxecto, asegurando que “é o único que ten esta homoxeneidade”. Balguerías, que incidiu na necesidade de seguir a investigar o mar que definiu como “a derradeira fronteira”, lamentou con ironía que un proxecto así “non se nos ocorrese antes”.

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, felicitou ás universidades de Vigo e Santiago pola presentación da cadanseu proxecto que definiu como “vitais” e manifestou o seu desexo e anhelo en que sexan una realidade. “Se é co selo de calidade ben”, dixo Vázquez e se non, buscaremos medios”.

Os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, promotores xunto á Universidade de Vigo, o CSIC e o IEO do proxecto de Campus do Mar manfiestaron a súa implicación con el. “Os socios estamos a morte co proxecto”, asegurou José María Barja, reitor da Universidade de A Coruña para quen “se gaña un, gañamos todos”. Pola súa banda Juan Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, destacou a importante base científica dun proxecto que considera contribuirá “a facer una Galicia mellor”.

Mentres o coordinador institucional en Galicia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Uxio Labarta, agradeceu á Universidade de Vigo o lanzamento do Campus do Mar, ao tempo que destacou as posibilidades que se derivan a posta a disposición por parte da Xunta dos terreos da ETEA.

Ademais de manifestar a súa convicción nas posibilidades do proxecto, o reitor da Universidade de Vigo, separou a decisión que sobre a cualificación como Campus de Excelencia Internacional adoptará o Comité Internacional de Expertos do acordo que con Coalición Canaria e o Partido Nacionalista Vasco acadou o Goberno para a aprobación dos orzamentos de 2011. “Espero que non teña que ver porque hai un comité externo apropiado para este contexto”, dixo o reitor que reiterou que “queremos o recoñecemento para acadar máis velocidade nun proceso no que non haberá un paso atrás”. A resolución do Comité Internacional de Expertos farase pública o vindeiro xoves día 21.

Campus de Excelencia Internacional: un proxecto de estado

Como un “gran proxecto de estado e país e un gran estímulo” definiu o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, o Campus de Excelencia Internacional que asegurou é “un gran éxito e esforzo das universidades”. O ministro felicitou a todas as institucións universitarias que concorreron á convocatoria de 2010, un total de 49, das que 22 pasaron á fase final. Na súa intervención na apertura do acto de presentación dos proxectos, Gabilondo aproveitou para poñer de manifesto a necesaria conexión entre a sociedade e a universidade á que referiu como “un factor determinante para o desenvolvemento local e autonómico”.

Pola súa banda a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, reivindicou o papel da universidade na transferencia de coñecemento ao tempo que avogou por vencer o illamento “mediante a agregación”. Tras achegar os detalles das acreditacións Severo Ochoa postas en marcha polo seu departamento, a ministra afirmou que a súa carteira quedara excluída do plan de axuste do Goberno que si afectou a outras partidas orzamentarias. “Isto significa unha aposta do Goberno que nos permitirá manter os niveis de investimento no Plan de I+D, priorizando o coñecemento e a innovación”, afirmou a ministra.

Pola súa banda o presidente do CSIC, Rafael Rodrigo e o secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta, avogaron pola especialización como medio para ancorar ás universidades ao seu entorno ao tempo que aseguraron que a través dos CEI “estamos a construír a nova cartografía do coñecemento”.

22 aspirantes á excelencia e algunhas referencias ao mar

Comezando pola Universidade de Santiago de Compostela e finalizando coa Universidad Rovira i Virgili de Tarragona, unha tras outra discorreron sobre o escenario do salón principal da sede do CSIC na madrileña rúa Serrano, os representantes dos 22 proxectos que aspiran a se converter en Campus de Excelencia Internacional.
Campus Vida foi o primeiro proxecto en presentarse da mna do reitor da USC, Juan Casares Long e do director do IDIS da USC, Carlos Diéguez. Un proxecto que na pasada convocatoria dos CEI acadou a designación de campus rexional e que en palabras de Casares aspira a ser “un referente global das ciencias da vida”.

Xunto á proposta de Vigo, o Campus Atlántico Tricontinental das universidades canarias de La Laguna e Las Palmas e o Campus Mare Nostrum das universidades de Murcia e Cartagena, fan referencia ao mar nas súas propostas aínda que compartindo protagonismo con outras áreas do coñecemento como a astrofísica e a biomedicina no caso de Canarias e a bioeconomía e as tecnoloxías sanitarias no de Murcia.

Discurso inicial do reitor, Salustiano Mato (24 Kb)

Discurso de peche do reitor, Salustiano Mato (20 Kb)