DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura de protocolos coa Rexión Hidrográfica do Norte e a Cámara Municipal de Viana

Campus do Mar amplía o seu carácter transfronteirizo

Nun acto celebrado a bordo do navío hospital Gil Eannes en Viana do Castelo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/10/2010
 
A Administración da Rexión Hidrográfica do Norte I.P e a Cámara Municipal de Viana do Castelo amplían desde hoxe a relación de parceiros do Norte de Portugal do Campus do Mar. Os presidentes de ambas entidades, António Guerreiro de Brito e José María Costa, asinaron este luns co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, cadanseu protocolo de colaboración a través dos que formalizan a súa adhesión ao proxecto co que a insititución académica viguesa concorre á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional. Nun acto no que tamén participaron o gobernador civil de Viana do Castelo, Pita Guerreiro e o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, os asistentes coincidiron en sinalar esta iniciativa como un exemplo de “cooperación intelixente” en palabras de Salustiano Mato.
A sinatura dos protocolos de colaboración tivo lugar na localidade portuguesa de Viana do Castelo a bordo do navío hospital Gil Eannes que desde a súa construción en 1955 apoiou á flota bacaladeira portuguesa que faenaba nos bancos de Terra Nova e Groenlandia e que na actualidade é un espacio museolóxico e unha pousada para a mocidade.

O coñecemento un factor determinante

António Guerreiro de Brito, presidente da Administración da Rexión Hidrográfica do Norte I.P, entidade de ámbito rexional especializada na protección e valorización das componentes ambientais das augas coa finalidade de xestionar de xeito sustentable o recursos hídricos da Rexión Norte de Portugal, destacou a “visión, estratexia e personalidade” do Campus do Mar como determinantes para adhesión da entidade que preside. Guerreiro de Brito aludiu ao coñecemento como un factor determinante para Europa ao tempo que sinalou a protección das augas como “fundamental”, nun mundo global que precisa de proxectos estruturados.
Unha idea na que coincidiu o gobernador civil de Viana do Castelo, Pita Guerreiro, que tamén se referiu á necesidade de aproveitar o coñecemento que asegurou “debe ser compartido porque así todos gañan e as sociedades tiran beneficios”.

Achegando o alento da Universidade ao tecido socioeconómico

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato agradeceu a implicación da Administración da Rexión Hidrográfica do Norte I.P e da Cámara Municipal de Viana do Castelo no proxecto que definiu como o mellor escenario para “proxectar o coñecemento que historicamente acumularon Galicia e o Norte de Portugal sobre o mar”. Mato que lembrou o esforzo realizado polo Campus do Mar para acadar o apoio da cidadanía, asegurou que “este é un xeito de achegar o alento da Universidade ao tecido socioeconómico”. Ademais de asegurar que a través do Campus do Mar, Vigo converterase na universidade do mar de Europa, o reitor destacou o innovador sistema de gobernanza no proxecto “no participamos todos”.
Pola súa banda o presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo, José María Costa, agradeceu a invitación da Universidade de Vigo para participar deste proxecto que ten como elemento central o mar e no que destacou a implicación das universidades como fundamental “para implicar á cidadanía na conservación dun recurso inmenso pero que pode ser comprometido rapidamente”.
A Administración da Rexión Hidrográfica do Norte I.P e a Cámara Municipal de Viana do Castelo, súmanse así á relación de entidades do Norte de Portugal que participan no proxecto do Campus do Mar do que xa forman parte as universidade Minho, Porto, Aveiro e Tras-os-Monte Alto Douro, xunto con algúns dos seus centros de investigación como o CESAM ou o CBMA.