DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 1000 participantes por día nas actividades da Semana do Mar que mañá remata

Campus do Mar arrastra a miles de persoas a Viana do Castelo

As actividades están organizadas por Campus do Mar, a cámara municipal e o Eixo Atlántico

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 09/07/2012
A un ritmo de 1000 persoas por día estanse a suceder, nas primeiras xornadas, as visitas aos obradoiros da Semana do Mar que desde o pasado venres e ata mañá martes desenvólvese na localidade portuguesa de Viana do Castelo. Organizada polo Campus do Mar, a Cámara Municipal de Viana do Castelo e o Eixo Atlántico, a Semana permite achegar aos veciños e veciñas da vila lusa a través de obradoiros, saídas de campo, proxeccións e relatorios, o traballo que desenvolven os investigadores que centran os seus estudos no medio mariño e así comprender a importancia que cara á conservación do medio ten o traballo que desenvolven os científicos.

Os obradoiros de Campus do Mar son o punto central da Semana que foi inaugurada polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o presidente da Cámara Municipal de Viana e presidente do Eixo Atlántico, José Maria Costa. O dedicado á pesca cunha piscina que na que os rapaces pescan diferentes especies e, no caso de que non cumpran coa talla mínima, deben devolver á auga; o das dunas, no que o monitor explica as súa importancia e reta aos participantes a crear unha in situ e o dos otolitos dos peixes que amosa para que serve calcular a idade dos peixes, son os obradoiros que máis éxito están a acadar entre os visitantes. Visitantes que poden ademais recibir agasallos para o que deben recoller á entrada o pasaporte científico e ir conseguindo selos a medida que van completando os experimentos propostos en cada un dos obradoiros. Unha vez teñen completo o pasaporte científico, á saída, cámbiano por unha gorra do Campus do Mar e participan no sorteo dun Ipad e dous Ipods, iso si, tras responder a tres preguntas nas que deben amosar os seus coñecementos sobre o mar.

Obradoiros e moito máis

O recinto do Campus do Mar onde se sitúan os obradoiros é o punto de saída de todas as actividades paralelas que se desenvolven durante a Semana do Mar: saídas de campo á praia e en barco ao esteiro do río Lima; visitas ao porto de pesca, aos estaleiros de Viana, ao navío hospital Gil Eannes, ou á exposición MARgens com vida, que se pode visitar no CMIA.

Ademais todos os días ata hoxe, unha vez rematadas as actividades ,ten lugar unha conferencia ao aire libre no anfiteatro da Marina de Viana e posterior proxección de películas de cine submarino. Na derradeira sesión o profesor la Universidade do Minho José Vindaga falará sobre Investigação e Conservação de espécies marinhas ameaçadas em Portugal Continental e proxectarase a película South Pacific: Fragile Paradise da BBC.