DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Francisco Gómez Figueiras, director da Área de Investigación, coordina un equipo de máis de 80 perso

Campus do Mar avanza na identificación das grandes áreas e liñas de investigación que abordará cada clúster

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/03/2012
O papel protagonista que a investigación representa dentro de Campus do Mar obriga a un traballo continuo de identificación e definición de áreas de traballo nas que situar e cara ás que orientar aos máis de 2000 investigadores que conforman a agregación estratéxica liderada desde a Universidade de Vigo. Se nun momento inicial e para optar á mención de excelencia internacional definíronse catro clústers e tres liñas de investigación emerxentes, transcorrido un ano da súa posta en marcha, a Área de Investigación de Campus do Mar enfronta novos retos que pasan pola identificación e definición das grandes áreas e liñas de investigación máis específicas que debe abordar cada un dos catros clústers que a integran (Observación do Océano e Cambio Global; Usos Sostibles dos Recursos Mariños; Xestión Integral da Zona Costeira e Competitividade, Progreso Tecnolóxico e Xestión Empresarial). “Comezouse con este proceso a principios de ano”, explica Francisco Gómez Figueiras, director da Área de Investigación de Campus do Mar e biologo do CSIC, “e tras un tempo de discusión interna e varias reunións, puidemos chegar a esta identificación e definición, unha tarefa que terá continuidade, a partir de agora, coa elaboración do texto que describirá detalladamente e co axeitado consenso as diversas áreas e liñas de investigación xa identificadas”. Un traballo que Gómez Figueiras asemella a, desde un punto de partida moi xenérico como é o que representan os clústers e as liñas emerxentes, “descender ao detalle”, na procura dunha maior definición que permita a identificación do persoal investigador que integra Campus do Mar coas liñas de traballo determinadas.

A identificación das potencialidades de investigación realizada no seu día para confeccionar a memoria de Campus do Mar, revelara, segundo do director da Área de Investigación, por unha banda, unha apreciable fortaleza nos ámbitos que definen os clústers, “cun bo número de investigadores implicados, moitos deles con apreciable experiencia”. Pola contra, as determinadas como liñas emerxentes involucran a un menor número de investigadores, “o que non quere dicir que a calidade sexa menor, senón que o feito de que o número sexa inferior pódelles dificultar o acceso a grandes proxecto. Trátase polo tanto de liñas que deben ser potenciadas no seo de Campus do Mar”.

O reto de aumentar o impacto internacional dos resultados de investigación

O máis de 2000 investigadores, doutores e predoutorais, que traballan nas sete áreas de investigación (clústers e liñas emerxentes) que se inclúen en Campus do Mar, publicaron no período 2005-2009 máis de 6000 artigos en revistas de prestixio, revistas SCI, con aproximadamente 1200 artigos anuais. “Isto quere dicir”, asegura Gómez Figueiras “que o potencial humano e a capacidade científica do Campus é considerable e o que tería que acadar agora é o aumento do impacto internacional dos seus resultados de investigación, e así, lograr unha maior visibilidade que nos permita achegarnos a ser un referente internacional”.

Para acadar este obxectivo, o director da Área de Investigación de Campus do Mar, apela a unha maior coordinación e unión de esforzos que permitirá “se o logramos aumentar a nosa visibilidade e, polo tanto, a nosa influencia internacional”. Figueras asegura que basta con pensar que os resultados de investigación son substancialmente sinérxicos para darse conta da importancia que ten sumar esforzos e promover a coordinación. Peza fundamental neste proceso de visibilización do Campus é a internacionalización a través do fomento da cooperación e a formación de grupos de referencia internacional, para o que Gómez Figueiras asegura que “é imprescindible manter incluso aumentar o noso nivel de calidade nos resultados da nosa investigación”.

Demanda de apoio a administracións e empresas

Aínda que se trataría, polo que se refire ao número de científicos que a forman, da agregación máis numerosa no ámbito mariño no mundo, Campus do Mar ten algúns espellos nos que mirarse. Trátase de agregacións europeas e estadounidenses de centros de investigación e agregacións mixtas universidades-centros de investigación que nalgúns casos son referentes internacionais. Tal é o caso do Woods Hole Oceanographic Institution en USA, o Alfred Wegener Institute en Alemaña ou o National Oceanographic Centre no Reino Unido, centros que o director da Áreade Investigación destaca que levan moitos anos en funcionamento e “cun apoio decidido e constante por parte das autoridades do país correspondente”. Un respaldo que o director da Área de Investigación de Campus do Mar demanda para a agregación posta en marcha desde a Universidade de Vigo xa que considera que “necesita que administracións e empresas lle proporcionen apoio estable e constante. Se ese apoio non se dá, Campus do Mar acabará por esvaecerse, deixando na cuneta todos os esforzos que ata o de agora se teñen feito”.

Sobre o traballo desenvolvido no primeiro ano de funcionamento de Campus do Mar, Gómez Figueiras fai unha valoración “moi positiva. O labor realizado ata o momento estivo e aínda está primordialmente dirixido á posta en marcha de todos os seus programas”. Neste proceso o director da Área de Investigación destaca o elevado nivel de responsabilidade e entusiasmo das persoas implicadas na posta en marcha do Campus, pensando sempre na súa continuidade.