DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibíronse solicitudes procedentes de 12 países

Campus do Mar beca 35 investigadores que se especializan en Galicia en temáticas mariñas

A bolsa financia o custe da matrícula do mestrado e unha axuda mensual de 750 euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 18/05/2012
Rebeca Alvariño, David Arjones, Víctor Manuel Chavez e Laura Vigoya son catro dos 35 estudantes que están a gozar das primeiras bolsas de mestrado do Campus do Mar, unha iniciativa dirixida a formar aos novos investigadores e investigadoras nos diferentes ámbitos da investigación mariña e marítima. Son parte dos ‘elixidos’ dunha convocatoria de bolsas na que se rexistraron máis de 100 solicitudes procedentes dun total de 12 países, das cales a inmensa maioría cumprían todos os requisitos que se especificaban nas bases. Finalmente concedéronse a 29 estudantes comunitarios e a 6 non comunitarios, procedentes de Arxentina, Brasil, Colombia e México, que se matricularon en 42 mestrados que se imparten nas tres universidades galegas.

Un doce ao que é difícil resistirse

O financiamento do custe da matrícula e unha dotación mensual de 750 euros durante o período da axuda foron, a xuízo dos beneficiados, un doce ao que é difícil resistirse, pois, tal como explica o vigués David Arjones, “permíteche facer o mestrado sen necesidade de traballar simultaneamente ou sen abusar da inestimable axuda dos nosos pais”. Licenciado en Dereito, agora especialízase no Mástér en Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente, un título co que pretende “coñecer de primeira man a realidade práctica que na licenciatura non se alcanza a mostrar”. Arjones é un bo exemplo de que non todos os beneficiarios destas axudas pertencen ao ámbito científico, aínda que son 25 os estudantes que cursan mestrados desta rama, hai outros dez espallados no eido tecnolóxico (6), no xurídico-social (3) e mesmo no humanístico (1). Lonxe dos estudos directamente relacionados co mar, Arjones non desbota dedicarse no futuro a este campo, polo de agora, realizará o seu proxecto fin de mestrado no estudo das distintas medidas que se tomaron en materia lexislativa en aras da protección do medio mariño, “en especial, as coñecidas como áreas mariñas protexidas”.

Moito máis vinculada ao medio mariño, Rebeca Alvariño soubo das axudas a través da páxina de Facebook do Campus do Mar e da Asociación de Oceanógrafos de Galicia. Acababa de licenciarse en Ciencias do Mar e agora cursa o Máster en Bioloxía Mariña. “Actualmente hai poucas bolsas deste tipo para a realización de mestrados e todo indica que aínda se van reducir máis”, lamenta, “sen embargo, estas iniciativas dan a oportunidade de estudar un posgrao a persoas que doutra maneira non poderían facelo”. Ademais, subliña que o mestrado no que está matriculada permite realizar prácticas en empresas ou en centros de investigación, aspectos aos que lle concede moita importancia, xa que no futuro lle gustaría poder dedicarse “a unha actividade que me permita empregar os coñecementos que xa adquirín durante a miña formación académica e continuar formándome”.

Elevado interese entre o alumnado de Hispanoamérica

Se ben os estudantes españois foron os que máis solicitudes presentaron (95), a convocatoria espertou tamén un elevado interese entre o alumnado de Hispanoamérica, sobre todo de Colombia, e recibíronse tamén solicitudes procedentes de estados europeos como Portugal ou Turquía. Precisamente dende Colombia chegou Laura Vigoya, que está a cursar o Máster de Aplicación do Procesado da Sinal nas Comunicacións no campus de Vigo. “Souben da convocatoria grazas a coordinadora do máster e non dubidei en presentarme”, sinala, ao tempo que subliña que esta iniciativa abre non só campos de estudo interdisciplinarios, senón que ademais permite que “máis persoas con poucos recursos económicos e cuxo interese sexa estudar e investigar poidan acceder a estudos superiores e multiplicar en diferentes partes do mundo os coñecementos adquiridos”.

Dende a Universidad de Guadalajara en México chegou Víctor Manuel Chávez. Está facendo o Máster en Ciencias do Clima no campus de Ourense, “uns estudos que non existen no meu país” e polos que el ten especial interese, xa que, físico de formación, “estou moi interesado en todas as investigacións que afondan na temática do cambio climático”. Nunca escoitara falar do proxecto Campus do Mar, pero si coñecía o mestrado e foi “precisamente a través da web do máster como coñecín a convocatoria destas axudas”.