DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emilio Fernández reuniuse con representantes de universidades e centros de investigación de Chile e

O Campus do Mar conclúe a súa primeira singradura internacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 08/11/2012
Coa visita a Brasil e Chile, o Campus do Mar conclúe o seu primeiro periplo internacional na procura de alianzas estratéxicas, colaboracións con institucións e futuros intercambios tanto de proxectos como de alumnado e docentes. Entre outros potenciais parceiros, o director do Campus do Mar, Emilio Fernández reuniuse con Susana Maldonado, responsable do Millennium Science Initiative, una entidade gubernamental dependente do Ministerio de Economía, Fomento y Turismo de Chile (Minecon) cuxo obxectivo principal é fomentar o desenvolvemento da investigación científica e tecnolóxica de fronteira no país, factor clave do desenvolvemento económico e social sustentable a longo prazo.

A delegación viguesa mantivo tamén xuntanzas con representantes de cinco universidades chilenas (Universidad Austral de Chile, Universidad de Concepción, Universidad Católica del Norte, Universidad Católica de Chile e Universidade de Chile). Con estes centros acordouse iniciar procedementos para a sinatura de convenios entre o Campus do Mar e estas institucións, así como “a posta en marcha dun grupo de traballo mixto que culmine na tramitación cun convenio de recoñecemento mutuo dos programas de doutoramento así como establecemento de programas de cotutela de estudantes de doutoramento”, explica Emilio Fernández.

Parada en Brasil

A parada previa a Chile foi Brasil, onde o director do Campus do Mar visitou os campus de Río Grande e Porto Alegre da Universidade Federal de Río Grande. Mantivo tamén unha xuntanza na Fundación de Apoio á Investigación do Estado de Sao Paulo (FAPESP) e na Universidade de Sao Paulo. Ademais dos mesmos acordos que os acadados en Chile en relación ao recoñecemento dos posgraos, explica Emilio Fernández, “acordouse con FAPESP traballar na organización de obradoiros temáticos entre investigadores do Campus do Mar e da Universidade de Sao Paulo, comprometéndose FAPESP a financiar os custes dos participantes da universidade brasileira.

Na procura de socios internacionais

Nos pasados meses, o director do Campus do Mar, acompañado polo director da Área de Internacional, Alberto González-Garcés, mantivo contactos con representantes de centros de investigación e universidades que destacan polo seu potencial no eido mariño. O obxectivo é afianzar a proxección internacional do campus de excelencia, procurar visibilidade e acadar alianzas estratéxicas en docencia, investigación e transferenca. Entre estes países obxectivo  desta primeira 'xira internacional' estaban Brasil, China ou México, dos que a delegación viguesa volveu con acordos asinados, nalgúns casos, e con outros en cernes para traballar da man con algúns dos organismos internacionais máis relevantes neste campo.