DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conta con unha dotación económica de un millón de euros

O Campus do Mar consegue a primeira Cátedra UNESCO para a Universidade de Vigo

Dirixida por Gonzalo Méndez, estará centrada no Desenvolvemento Litoral Sostible

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 23/11/2011
Aprobada nun tempo récord, apenas seis meses, e cun orzamento de un millón de euros. O Campus do Mar acaba de conseguir a Cátedra UNESCO en Desenvolvemento Litoral Sostible, a primeira que este organismo das Nacións Unidas concede á Universidade de Vigo e unha das tres en España vinculadas puramente á ordenación litoral xunto con Cádiz e Canarias. Trátase dun proxecto singular “pola súa fortaleza” xa que, ademais de aglutinar a importantes institucións “nun grupo forte e sólido”, tamén é a primeira cátedra da entidade vinculada a un Campus de Excelencia Internacional e a primeira que lle conceden á Universidade da Coruña, ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e ao Instituto Español de Oceanografía, socios da institución viguesa xunto á Universidade de Santiago. “É moi importante a unión de todas estas entidades. Poderiamos ter logrado a Cátedra UNESCO sen o Campus do Mar? Si, pero non con a mesma entidade, diversidade e fortaleza nin tendo tan boa relación entre os cinco socios”, recoñece Gonzalo Méndez, director da cátedra. O programa ten previsto situarse nas instalacións do Campus do Mar na antiga ETEA de Vigo.

Tras asinar o protocolo de colaboración, a Cátedra UNESCO do Campus do Mar centrará a súa atención na excelencia educativa, na investigación e na internacionalización das súas actividades con vistas á cooperación e creación de escenarios interculturais. “Esta cátedra permite visualizar dunha maneira máis nítida, máis intensa, todo o traballo que facemos dentro de España e noutros países. Que saíra ao primeiro intento é cousa boa”, recordou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Para fomentar a cooperación interuniversitaria e a transferencia do coñecemento a través das fronteiras, o proxecto focalizará todas as actividades do Campus de Excelencia cara as prioridades da UNESCO mellorando a investigación, capacitación e xeración de programas de desenvolvemento da educación superior.

Primeiros pasos

A nova cátedra porá en marcha un conxunto de actuacións estratéxicas relacionadas coa promoción da xestión sostible dos recursos naturais, a protección medioambiental, a utilización de tecnoloxías dixitais, o intercambio de coñecementos e coa vinculación cos pequenos estados insulares en vías de desenvolvemento. “Esa é unha das nosas fortalezas, xa que temos moi avanzada a relación con Cabo Verde, ademais doutras portas abertas que aumentarán a posibilidade de cumprir obxectivos nun prazo curto. Temos catro anos para demostrar que pagou a pena a aposta da UNESCO por esta cátedra”, subliñou Méndez. Das 715 Cátedras UNESCO concedidas a 830 institucións de 131 países para traballar en máis de 70 campos temáticos, 70 están en España.

Entre as primeiras accións concretas da cátedra estará a organización dun congreso sobre Xestión Integral da Zona Costeira e a conservación en áreas de especial afección polo cambio global, previsto para 2013, e outro sobre Modelización en zonas costeiras, para 2014. Ademais, participará na elaboración das axendas estratéxicas dos clúster de I+D do Campus do Mar, a ampliación da rede de contactos cos Pequenos Estados Insulares en Desenvolvemento (PEID) e cos Países Menos Adiantados (PMA), así como impartir conferencias internacionais on line en aberto sobre o desenvolvemento litoral sostible.

Posta de longo en Barcelona

Entre o 9 e 10 de febreiro de 2012 celebrarase en Barcelona o VI Encontro de Cátedras UNESCO de España para falar da dobre función destes programas como centros de reflexión e como pontes entre o mundo académico e a sociedade ou o tecido empresarial. Será alí onde a nova cátedra do Campus do Mar “presente o proxecto, expliquemos cales son os nosos obxectivos e vexamos posibilidades de colaboración ou intercambio”. Por diante, moitos retos. “O noso cometido máis importante será conseguir que toda acción do Campus do Mar estea impregnado do espírito da UNESCO”, recalcou Méndez.