DUVI

Diario da Universidade de Vigo

1ª pedra dun proxecto moito maior, o Campus Dixital do Mar

Campus do Mar conta xa cunha canle propia de televisión

Estreouse este venres cunha videoconferencia da científica Milica Stojanovic

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 08/10/2010
O Campus do Mar ten xa unha canle propia de televisión, Campus do Mar Tv, a primeira pedra dun proxecto moito maior que é o Campus Dixital do Mar, un conxunto de servizos dixitais de e-colaboración, videoconferencia avanzada, teleensinanza e webTv que garanten que todo o que suceda no Campus do Mar teña tamén presenza audiovisual. Estreouse este venres e fíxoo por todo o grande cunha videoconferencia da científica Milica Stojanovic, profesora da Universidade de Northeastern, en Boston, que inaugurou a nova canle cun relatorio sobre comunicacións submarinas, unha das liñas de investigación que se impulsarán co Campus do Mar.

A iniciativa nace para proporcionar á comunidade científica, profesorado e alumnado a capacidade de investigar e aprender xuntos eliminando a necesidade de estar fisicamente no mesmo lugar, “algo completamente necesario nun proxecto que se creou ao abeiro dunha serie de campus universitarios que se espallan sobre un territorio de arredor de 500 km de extensión, dende Aveiro ata Ferrol”, subliñou o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández.

A estrea oficial da nova canle tivo lugar na sala de videoconferencias da ETSET de Telecomunicación, á que, xunto ao comisionado Emilio Fernández, acudiu tamén a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, que destacou o forte peso audiovisual do proxecto; a directora da escola, Edita de Lorenzo, e a xerente de AtlanTic, Nuria González Prélcic, así como numerosos estudantes, profesores e investigadores, entre eles, Roberto López Valcarcel, que foi o encargado de presentar o relatorio.

Punto de encontro de 3000 investigadores

A meta principal do Campus Dixital do Mar (DigiMAR) é proveer aos integrantes do Campus do Mar dun conxunto de “espazos dixitais” que apoien o seu labor investigador e docente, ademais, a maior parte destes servizos dixitais estarán tamén dispoñibles para a sociedade en xeral como un instrumento de acceso ao coñecemento relacionado co mar.
“Falamos dunha ferramenta que abre a porta a organizar actividades que poidan visualizar os máis de 3000 investigadores do Campus do Mar”, exemplifica Emilio Fernández, ao tempo que explica que non se pode xestionar un campo policéntrico como é o Campus do Mar a través de mecanismos convencionais asociados ao transporte e á mobilidade de persoas dun lugar a outro, “senón que temos que pensar en fórmulas baseadas nas tecnoloxías da información e a comunicación que nos permitan traballar xuntos aínda que fisicamente esteamos separados”, insiste o comisionado.

Contidos

En canto aos contidos desta particular canle de televisión, que transmitirá en directo vía Internet, Vicente Goyanes, coordinador de UVigoTv, sinala que a WebTv do Campus do Mar contará coa súa propia unidade de producións audiovisuais docentes e de contidos de divulgación científica. “Polo momento só hai contidos relacionados coa creación e presentación do propio proxecto, pero o principal serán contidos científicos e de divulgación, algúns pensados para o público en xeral e outros de carácter máis avanzado dirixidos a estudantes e investigadores”, engadiu.

Ao igual que as estruturas físicas, laboratorios, aulas, edificios e peiraos son necesarios para realizar os labores de investigación e docencia, proxectos da natureza do Campus do Mar fan imprescindibles unha serie de espazos dixitais onde estruturar o coñecemento, aprender e colaborar. “Refírome, por exemplo, a organizar e compartir documentos, a falar e ver ao outro mentres ambos ven a imaxe dun microscopio ou, simplemente, a asistir a unha videoconferencia e poder facer preguntas a través dun chat”, engadiu o comisionado.

Conferencias de científicos convidados, como a que esta tarde estreou a canle, clases, defensas de teses de doutoramento, congresos... son contidos que, ademais, quedarán catalogados e dispoñibles dentro dunha videoteca dixital en liña.

Unidade de Servizos Dixitais do Campus do Mar

A posta en marcha da WebTv do Campus do Mar corre a cargo dun equipo de profesionais dos servizos informáticos da Universidade de Vigo con probada experiencia en xestión de redes, plataformas de e-learning e sistemas de WebTv e videoconferencia avanzada, que formarán a Unidade de Servizos Dixitais do Campus do Mar.

Esta unidade contará con equipos que se poderán desprazar ás sedes e campus dos socios e darán apoio aos profesores e investigadores para a creación de material audiovisual máis elaborado como animacións ou reportaxes encamiñados á transmisión e divulgación do coñecemento.