DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Parlamento Europeo alberga unha exposición explicativa deste Campus de Excelencia Internacional

O Campus do Mar: crecemento económico, emprego e calidade de vida a ollos de Bruxelas

Promovida pola eurodiputada Ana Miranda e referendada por José Manuel Silva, director xeral de Agric

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Duvi DUVI 20/02/2013

O Campus do Mar é “un éxito de todos, un proxecto colectivo en clave de país”. Así o definiu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, durante a presentación no Parlamento Europeo dunha exposición explicativa do proxecto de investigación mariña que supón este Campus de Excelencia Internacional liderado pola institución viguesa e no que participan todas as universidades galegas xunto co CSIC e o Instituto Español de Oceanografía. Ata o vindeiro 22 de febreiro, o público poderá visitar no terceiro andar do edificio europeo a mostra Campus do Mar: construíndo o futuro a través dos océanos, na que a través de once paneis e diversas fotografías faise un percorrido histórico por distintos aspectos do proxecto dende os seus inicios, desde a investigación, a transferencia ou a captación de talento ata a internacionalización e a divulgación á sociedade. “O Campus do Mar ten sentado as bases para construír unha agrupación sólida con vocación de ser un referente internacional na investigación mariña”, asegurou Mato, para quen o Campus de Excelencia converteu a Vigo “nunha das principais universidades públicas do Estado español e incorporouna ás listas das mellores universidades do mundo”.

A mostra foi promovida pola eurodiputada do BNG Ana Miranda e estivo referendada polo director xeral de Agricultura da Comisión Europea e doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, José Manuel Silva. Durante a presentación, a nacionalista fixo fincapé na “estreita vinculación” do Campus do Mar coa actividade pesqueira e mariña, “esencial para Vigo e para o conxunto de Galiza que non só achega oportunidades de negocio, non só ofrece crecemento económico e emprego, senón que tamén contribúe a mellorar a vida dos cidadáns”.

En busca de fondos europeos

Durante a presentación da exposición, a eurodiputada salientou a importancia de que o Campus do Mar conte con fondos do Programa Horizonte 2020, cunha dotación de 70000 millóns de euros segundo recolle o orzamento da Unión Europea para I+D+i para o período 2014-2020. “A crise económica está a impor recortes nas políticas públicas de educación e investigación. Un camiño equivocado, porque en momentos coma este é aínda máis importante facer unha aposta decidida polo coñecemento científico, pola formación e polo valor engadido que achega a investigación das nosas universidades como elemento dinamizador e creador de emprego”, subliñou.

O Campus do Mar é un proxecto estratéxico a medio e longo prazo que dá acubillo a 4000 científicos traballando en 6400 investigacións e contratos en I+D por un valor de 274 millóns de euros. Unhas cifras que, segundo Miranda, falan con “elocuencia” da importancia deste Campus de Excelencia Internacional que aposta pola excelencia na investigación e pola transferencia de coñecemento aos sectores produtivos. O acto rematou cun breve concerto do grupo galego Marful, que interpretou tres temas relacionados co mundo do mar.