DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello Reitor, reunido en Vigo, salienta que é posible facelo en 2013

Campus do Mar dotarase de entidade xurídica propia para seguir incrementando a captación de recursos externos

Facilitará a concorrencia a convocatorias europeas “altamente competitivas” nas que hai probabilidad

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 26/04/2013

Ao longo dos seus primeiros dous anos de vida, Campus do Mar conseguiu atraer 2,1 millóns de euros por cada euro investido e a previsión é que esta capacidade de xeración de recursos se incremente substancialmente no futuro próximo ao poñerse en marcha o programa de Clústeres de I+D e de Transferencia de Tecnoloxía. Atendendo a esta previsión, o Consello Reitor do Campus do Mar, que se reuniu este venres en Vigo, decidiu iniciar o proceso que permita dotar nun período de tempo corto ao Campus do Mar de entidade xurídica propia. Trátase ao xuízo do reitor vigués “dun instrumento fundamental e necesario de cara a seguir incrementando a capacidade de captación de recursos externos”, recalcou Salustiano Mato ao remate da reunión, á que tamén asistiron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; o reitor da Universidade de A Coruña, Xosé Luis Armesto; o presidente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CISC) Emilio Lora-Tamayo e o director do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Eduardo Balguerías.

Segundo se acordou na reunión o obxectivo é que antes de que finalice o 2013 o Campus do Mar poida xa contar con personalidade xurídica propia “o que facilitaría a execución dos proxectos obtidos e acceder a diferentes convocatorias ás que agora non podemos concurrir, pero nas que as probabilidades de éxito son significativas”, subliñou o director do Campus do Mar, que, pese a non formar parte do Consello Reitor, asistiu tamén á reunión xunto a Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, coordinador institucional do CSIC en Galicia.

Reforzar a agregación de I+D

A Área de Investigación do Campus do Mar acaba de rematar o proceso de elaboración dos plans estratéxicos de investigación e desenvolvemento dos catro clústeres de I+D nos que se organiza o Campus do Mar. Estes plans foron confeccionados contando co concurso de varios grupos de traballo formados por investigadores de todas as institucións implicadas e tamén mediante a consulta a “stakeholders” relevantes. “Estes grupos de traballo concluíron de forma unánime que a execución das diferentes accións pasa inexcusablemente pola creación dunha entidade con personalidade xurídica propia”, subliñou o director do Campus do Mar, que fixo fincapé en que isto facilitaría a elaboración e desenvolvemento de proxectos de gran magnitude por equipos plurinstitucionais e reforzaría a presenza internacional da agregación de I+D nun entorno “altamente competitivo”.

Entre outras vantaxes a figura do Campus do Mar como entidade xurídica propia contribuirá tamén a minimizar algún dos problemas crónicos para a colaboración dos grupos de investigación das diferentes institucións que integran o Campus do Mar, como é o caso da contratación de persoal ou a adquisición conxunta de equipamento e infraestruturas.

Polo Portugués do Campus do Mar

Durante a reunión Salustiano Mato, en calidade de presidente do Consello Reitor do Campus do Mar, informou ao resto de integrantes do consello sobre a creación do Polo Portugués do Campus do Mar, a agrupación dos socios portugueses no campus. Ao tempo, deulles tamén conta da última reunión da rede CEI.MarNet á que asistiu a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, e lembrou a exposición Campus do Mar: construíndo o futuro a través dos océanos que acolleu o Parlamento Europeo e na que, a través de once paneis e diversas fotografías, se fixo un percorrido histórico por distintos aspectos do proxecto, desde a investigación, a transferencia ou a captación de talento ata a internacionalización e a divulgación á sociedade.