DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A campaña de captación de apoios percorrerá os centros dos tres campus ata o 15 de outubro

O Campus do Mar engancha ao alumnado

O proxecto conta con máis de 250 usuarios rexistrados e 750 fans en Facebook

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 21/09/2010

Representantes de todos sectores da sociedade galega e do Norte de Portugal apoian a candidatura da Universidade de Vigo para concorrer á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional, pero o caracter integrador do Campus do Mar non se podería entender sen o apoio do alumnado da Universidade, un compromiso que este martes se materializou na Facultade de Ciencias do Mar a través da campaña de captación de apoios que hoxe comezou no campus de Vigo e se estenderá aos de Pontevedra e Ourense.
En poucas horas máis dun cento de estudantes das facultades de Ciencias do Mar, Bioloxía e Química se rexistraron na páxina web do proxecto, mentres que unha trintena de alumnos e alumnas se inscribiron nun stand situado no Edificio de Ciencias Experimentais no programa de voluntariado para colaborar nas actividades que se organicen.

O reitor da Universidade, Salustiano Mato, que tamén visitou o stand, incidiu na necesidade de “crear ambiente e animar á mocidade a que se apunte e apoie o Campus do Mar, posto que é unha maneira de chegar á comunidade universitaria dun xeito máis próximo e para que o estudantado se sinta partícipe e cómplice do proxecto, que é fundamental” subliñou Mato.

O alumnado implícase co Campus do Mar

Ser maior de idade, dinámico e con gañas de colaborar nas actividades que se organicen ao abeiro do Campus do Mar, son os requisitos que cumpren a trintena de estudantes da Facultade de Ciencias do Mar que este martes se inscribiron como voluntarios e voluntarias para a divulgación e cooperación do proxecto. Este é o caso de Alba Cid, estudante de Bioloxía, que salientou as numerosas vantaxes de participar no Campus do Mar. “Ao estudantado de Ciencias, e sobre todo desta facultade, interésanos apoiar a investigación posto que repercute no noso futuro laboral e o Campus do Mar supón un gran recoñecemento para a Universidade e unha grande oportunidade como fonte de traballo” comentou Cid.

Pola súa banda, tanto o decano da Facultade de Ciencias do Mar, Jesús Souza Troncoso coma o director da Área de Estudantes e Deportes, Miguel Ángel Nombela, coincidiron en salientar a importancia do espírito de compromiso por parte do alumnado, “posto que os estudantes son o maior activo das universidades e máis no caso da de Vigo” sinalou Nombela.

A campaña de captación de apoios entre a comunidade universitaria seguirá o seu itinerario polos centros dos tres campus ata o vindeiro 15 de outubro co obxectivo de acadar a implicación do alumnado e o maior número de rexistros posibles na web para promocionar o proxecto co que a Universidade de Vigo concorre a convocatoria de Campus de Excelencia Internacional.

Máis de 250 usuarios rexistrados e 750 fans nas redes sociais

Os máis de 250 usuarios rexistrados na web, posta en marcha hai cinco días, reflicten o grande apoio social que está a recibir a proposta da Universidade, que suma ademais preto de 750 “fans” do Campus do Mar en Facebook. Nesta liña, Mato salientou o “papel fundamental” que xogan as redes sociais “xa que supoñen un efecto multiplicador e propagador, sobre todo por parte do alumnado que está moi mergullado neste eido” sinalou o reitor.
Co obxectivo de achegar o proxecto a sociedade e proporcionar información sobre o mesmo, a web conta cun foro onde os usuarios poden intercambiar ideas e coñecementos sobre temas mariños; unha sección de descargas con fotografías e salvapantallas e outra con lendas sobre o mar e tamén a chamada gota a gota, na que os internautas deixan as súas mensaxes de apoio reflectidas nun muro.

Deste xeito e baixo o lema O mar elixiunos, apóianos co teu rexistro, a Universidade de Vigo convida a toda a sociedade a formar parte do proxecto do Campus do Mar co fin de acadar o maior número de rexistros posibles antes do 19 de outubro, data na que se presentará a candidatura en Madrid. Por este motivo, na páxina web propóñense dous concursos para motivar a participación de todos os internautas. O primeiro deles, Sons do Mar, premia cun reproductor Ipod nano ao mellor son marino, mentres que o segundo, Ollos do mar, ofrece unha cámara réflex dixital para a fotografía relacionada co eido mariño máis destacada.

Percorrido dos puntos informativos e difusión da imaxe do Campus

A partir do mércores 22 de setembro, os stands do Campus do Mar instalaranse no Edificio de Ferro en Ourense, a EU de Enxeñaría Técnica Forestal en Pontevedra e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo en Vigo, onde permanecerán durante dous días en cada centro para despois trasladarse a outras facultades e escolas durante as vindeiras semanas.
Para achegar o proxecto á cidadanía viguesa, os puntos informativos tamén se instalarán no estadio de Balaídos aproveitando o encontro do Real Club Celta fronte ao Alcorcón o 10 de outubro. Finalmente, os stands do proxecto rematarán o seu percorrido no centro comercial da Cidade Universitaria.

Ademais da campaña de captación de apoios, o proxecto de Campus do Mar tamén reforza a súa imaxe social con lonas e carteis de gran tamaño dispostos en distintos puntos do campus vigués como o centro comercial e a reitoría. Fóra do ámbito universitario, o proxecto tamén reivindica a súa presenza adornando a cidade con lonas instaladas na fachada do Concello á vista de todos os vigueses.