DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emilio Fernández presentou os detalles de Campus do Mar no Club Faro

O Campus do Mar, un esforzo colectivo para seguir coñecendo o mar dende a Eurorrexión

A investigadora Anna Mataxas, nova convidada no ciclo de conferencias do CEI

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 26/10/2011

“Un experimento colectivo para construír o futuro a partir dos océanos", con este simbólico título o director do Campus do Mar, Emilio Fernández Suárez presentou o proxecto de Campus de Excelencia Internacional que lidera a Universidade de Vigo nunha conferencia que pronunciou esta tarde no auditorio municipal do Areal de Vigo nun acto organizado polo Club Faro de Vigo. A charla foi presentada polo Secretario Xeral de Universidades da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, que fixo fincapé na necesidade de que as universidades do século XXI se unan, se especialicen e se internacionalicen, algo que ao seu entender xa fixo o Campus do Mar, un proxecto que cualificou como “colectivo e de futuro”.

As motivacións que conduciron á creación dunha rede transnacional de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía de ámbito marítimo como é Campus do Mar, os membros da agrupación, as áreas que o compoñen ou a súa organización interna protagonizaron esta conferencia dedicada a achegar o proxecto á sociedade viguesa na que tamén se fixo un breve repaso polas actividades promovidas polo campus desde os seus inicios.

Ademais de presentar os obxectivos do proxecto aos asistentes, Fernández, na súa condición de catedrático de Ecoloxía, expuxo a necesidade de estudar os océanos para seguir avanzando no desenvolvemento da sociedade e explicou dun xeito moi sinxelo fenómenos como o afloramento, responsable de que as augas das nosas costas sexan tan produtivas, e que se está a ver seriamente afectado polo aumento da temperatura da auga do mar, ou a acidificación dos océanos, producida polo grande número de emisións de CO2 que realizamos á atmosfera.

Anna Mataxas, no Ciclo de conferencias Campus do Mar

A pesar da súa importancia económica, as asociacións biolóxicas da plataforma e o talude continental do océano Atlántico en Canadá e os procesos que os regulan permanecen en gran medida inexplorados. Isto inclúe áreas ecoloxicamente sensibles e especies que se atopan protexidas, como corais de augas profundas. Precisamente neste eido traballa a profesora Anna Metaxas, da Dalhousie University (Canadá), que interviu este martes no Ciclo de conferencias do Campus do Mar. No seu relatorio, titulado Into the deep: epibenthic communities on the continental slope of Atlantic Canada, a doutora Metaxas describiu as relacións entre as características do hábitat e as poboacións asociadas de invertebrados bentónicos en varias rexións do Golfo de Maine e o talude continental de Nova Escocia.

Desde 2006, o seu equipo recolleu sistematicamente imaxes utilizadas para cuantificar a distribución do hábitat a gran escala e describir as asociacións de megafauna epibentónica nestes hábitats. As observacións preliminares mostran “hotspots” de diversidade biolóxica de fauna suspensívora sobre substratos duros, separados por centos de quilómetros. Tamén se mostran patróns de distribución, abundancia e recrutamento de corais de augas profundas dentro e na proximidade da área de Conservación de Coral do Nordés da Canle. Estes estudos poden axudar á identificación de vías de conexión entre hábitats diferentes na rexión e ser unha axuda para as directrices de xestión e conservación.