DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto foi presentado ante a afección do RC Celta que venceu 0-3 ao AD Alcorcón

Campus do Mar golea en Balaídos

Reitor, conselleiro de Educación, alcalde de Vigo e presidente de Celta asinaron unha pancarta de ap

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 10/10/2010

O estadio de Balaídos converteuse este sábado no escenario no que o Campus do Mar se deu a coñecer á sociedade e á afección viguesa nun evento multitudinario, compartindo terreo de xogo co RC Celta de Vigo no seu encontro fronte ao AD Alcorcón. Minutos antes de comezar o partido que se saldou cunha vitoria celeste por 3-0, o presidente do club, Carlos Mouriño, recibiu ao reitor da Universidade, Salustiano Mato, ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez e ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que visitaron os stands do Campus do Mar situados no exterior de Balaidos para amosar o seu apoio ao proxecto repartindo folletos informativos entre os afeccionados do club e explicándolles persoalmente todos os detalles da candidatura.

"Este encontro é o escenario ideal para captar apoios e poder roubarlles a todos os afeccionados vigueses concentrados hoxe aquí un pedaciño do seu corazón para que respalden o Campus do Mar" manifestou o reitor, Salustiano Mato. Unha afirmación coa que coincidiu o presidente do Celta que asegurou que "o Celta está sempre á disposición das cousas que son importantes para Vigo e neste caso do Campus do Mar, que é o máis importante para a cidade e tamén para Galicia" sinalou Mouriño. Pola súa banda, o conselleiro de Educación destacou que "hoxe perseguimos dous obxectivos nun: que o Celta estea no posto no que ten que estar e que o Campus do Mar consiga a distinción de Campus de Excelencia Internacional, e con esta xornada demos pasos importantes para ambos" afirmou.

Xa finalizado o encontro, Mato tamén fixo alusión ao triunfo do club vigués desexando "que a sorte dos xogadores do Celta se contaxie ao Campus do Mar na decisión final do Ministerio de Educación e tamén academos unha vitoria". Ademais, o reitor recibiu de mans do presidente do Celta unha camiseta do equipo como mostra de agradecemento e compromiso conxunto de ambas entidades.

Sinaturas de gran tamaño para apoiar o proxecto

No descanso do partido colocouse unha pancarta co lema Eu Campus do Mar no centro do terreo de xogo, como mostra do apoio ao proxecto por parte do RC Celta de Vigo. As autoridades, entre as que se atopaban o reitor, o presidente do Celta, o alcalde de Vigo e o conselleiro de Educación, selaron o seu respaldo ao proxecto asinando a pancarta arroupados por diversos representantes do club e da Universidade, entre os que se atopaban o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias e Margarita Estévez, vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, así como o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández.

Ademais, momentos antes de comezar o partido e tamén durante o descanso, emitíronse varios vídeos promocionais do Campus do Mar, así como diversas entrevistas sobre o proxecto realizadas a recoñecidas personalidades do ámbito científico e cultural.

A afección, interesada no Campus do Mar

Os tres stands situados nas inmediacións do estadio xeraron moita expectación e curiosidade entre os afeccionados e afeccionadas celtistas, que se amosaron moi interesados no Campus do Mar achegándose ata os puntos informativos para coñecer de primeira man a historia, características e obxectivos do proxecto.

Para deixar pegada entre a cidadanía viguesa, repartíronse pulseiras co lema Eu Campus do Mar, que as persoas que se achegaron aos stands aceptaron como reflexo do seu respaldo á candidatura coa que a Universidade de Vigo concorre á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional.