DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica e a Autoridade Portuaria porán en marcha un premio de investigación

O Campus do Mar implícase na defensa de Vigo como porto nodal

A Universidade colaborará no documento co que se tratará que a Unión Europea teña en conta a pesca c

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 28/11/2011
Noemí Rey | Vigo
Tratar de cambiar que só o tráfico de graneis, de non graneis e de pasaxeiros conten para que se incorpore un porto como nodal na Rede Transeuropea de Transporte. Esa é a “loita” que ten agora por diante a Autoridade Portuaria de Vigo, unha batalla na que a Universidade de Vigo colaborará co Campus do Mar como argumento e como ferramenta, xa que o campus de excelencia supón “un importante valor engadido á actividade pesqueira da cidade”, como explicou o presidente do Porto, Ignacio López-Chaves, tras unha reunión mantida co reitor Salustiano Mato. “Se os portos con relevancia en importación de recursos enerxéticos como gas ou petróleo se consideran nodais polo elevado volume de tonelaxe que move, os vinculados ao sector alimentario, como a pesca, tamén deberían estar incluídos”, salientou.

Neste “complicado” percorrido, o Campus do Mar colaborará na elaboración do documento que a Autoridade Portuaria quere presentar ante a Comisión da Unión Europea para xustificar a importancia de que Vigo entre a formar parte desa rede de transporte marítimo europeo como porto nodal. A institución incidirá no feito de que move case o 2,7% da pesca descargada en Europa pero que tamén “xera un coñecemento que se transforma en instalacións e en capacidade de investigación en todos os sectores do territorio vinculados á pesca. A Universidade é importante dende un punto de vista non só formativo, senón tamén de investigación”, recordou López-Chaves. O documento, que contará coa participación do director do campus de excelencia, Emilio Fernández, “dará máis argumentos actuais e de futuro e axudará a establecer relacións internacionais. Na medida na que sexamos capaces de ser unha referencia mundial aumentará o intercambio entre o porto de Vigo e os de países desenvoltos ou emerxentes, sobre todo en cuestións de cooperación para o desenvolvemento”, subliñou Salustiano Mato.

Vigo, epicentro da universidade do mar de Europa

A Universidade é unha das institucións da cidade que colaborará coa Autoridade Portuaria para presentar a pesca como criterio a incorporar pola Unión Europea para considerar a Vigo como porto nodal xunto aos outros 82 xa existentes. O Porto quere levar ante a Comisión un documento “facilmente comprensible e non demasiado extenso” no que tamén se aglutinará a opinión de armadores, da Xunta, da Axencia Europea de Pesca ou de sectores empresariais vinculados a actividades pesqueiras. “Nese esforzo por visualizar a importancia económica do Porto de Vigo o Campus do Mar é importante non só polo que pode achegar agora mesmo, senón porque ademais de situar á cidade como capital da pesca tamén pode a coloca como epicentro da universidade do mar de Europa. Iso debe ter unha repercusión clara e directa na Autoridade Portuaria do futuro”, recalcou Mato.

Impulsando o convenio de colaboración

Autoridade Portuaria e Universidade queren comezar a desenvolver o convenio de colaboración asinado hai 8 meses con algunhas accións inmediatas. A primeira será a de convocar un premio de investigación dirixido nun principio a todos aqueles traballos relacionados coa pesca “para acreditar a importancia do sector non só como extractivo ou transformador, senón como xerador de coñecemento, e niso si que somos líderes”, destacou López-Chaves.