DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de excelencia darase a coñecer en países de América do Sur e China

Campus do Mar inicia en Brasil o seu periplo máis internacional

A través de contactos con universidades e centros de investigación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/05/2012
8,5 millóns de quilómetros cadrados, máis de 200 millóns de habitantes e unha economía que acada o sexto posto no ránking mundial, fan de Brasil un destino obrigado para calquera iniciativa na procura de mercado. Pero se a estes alicientes se lle engaden os máis de 7000 quilómetros de liña de costa cos que conta o país suramericano e unha lingua como o portugués, non é de estrañar que Brasil fose o destino elixido polos responsables de Campus do Mar para iniciar unha serie de misións co obxectivo de “levalo fóra, amosalo para captar socios en todo mundo, dándonos a coñecer e acadar convenios para traballar en conxunto”, segundo explica Alberto Gónzalez Garcés, responsable da Área de Internacionalización de Campus do Mar. Emilio Fernández, director do campus e o propio González Garcés inician o vindeiro luns 14 de maio unha viaxe a Brasil que se prolongará durante cinco días nos que visitarán Brasilia, São Paulo, Río de Janeiro e Curitiba-Paraná, onde manterán reunións con responsables de Ciencia e Tecnoloxía de ministerios e universidades.

“Brasil é un país emerxente, cun potencial enorme e moitos intereses para realizar intercambios, ademais dun país próximo a nivel cultural”, puntualiza o director da Área de Internacionalización de Campus do Mar en relación coa misión que comezará o vindeiro luns en Brasilia con reunións con membros do Consello Nacional de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, da Secretaría de Políticas e Programas de Pesquisas e Desenvolvimiento do Ministerio da Ciencia, Tecnología e Inovação e de Cooperación Internacional. Ao día seguinte as reunións continuarán en São Paulo e Río de Janeiro con responsables institucionais e directores de centros científicos da universidade paulista e das universidades Federal Fluminense e Federal do Rio de Janeiro, finalizando a viaxe en Curitiba-Paraná onde os responsables de Campus do Mar visitarán o Centro de Estudos do Mar e reuniranse con directores e vicerreitores da Universidade Federal do Paraná.

De Brasil a Chile, pasando antes por China e México

A misión internacional que comezará o vindeiro luns é a primeira das catro que realizarán os directores de Campus do Mar e que os levarán a dar a coñecer que é e que fai o campus de excelencia ademais de en Brasil este mes de maio, en China, México e Chile en xuño. Foi o Consello Reitor do Campus do Mar o que elixiu estes países “porque con eles existe unha boa relación tanto universitaria como de formación e investigación , como de intereses no mundo mariño”, explica González Garcés que tamén destaca “a súa forza investigadora”, así como desexo institucional de establecer relacións con eles. Relacións que se pretende materializar coa sinatura de convenios que permitan ter unha base formal para o intercambio de estudantes, investigacións e mesmo transferencia e para o que se manterán contactos con tres tipos de institucións: universidades, centros de investigación e institucións que sexan quen de financiar e apoiar a investigación, a formación ou a mobilidade de estudantes, investigadores e profesores.

Dentro da estratexia de internacionalización do campus promovido pola Universidade de Vigo, González Garcés considera fundamentais este tipo de misións. “Queremos que a nosa Universidade, as galegas e as do norte de Portugal intensifiquen a relación con institucións, universidades e organismos públicos de investigación doutros países para internacionalizar o noso campus. O noso desexo, falando de números máis concretos sería que a Escola Internacional de Posgrao do Campus acadase un 30% de estudantes procedentes de países distintos a España e Portugal, por iso é moi importante facer unha boa presentación noutros países para que nos coñezan”.

Ás misións que se van desenvolver en maio e xuño en Brasil, China, México e Chile seguiranlle outras encamiñadas a intensificar relacións con países de Europa, Norteamérica e Asia a través de institucións académicas, científicas e de investigación de Francia, Reino Unido, Noruega, USA, Canadá, Xapón e Corea do Sur.