DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha delegación viguesa, encabezada polo reitor, presentou o proxecto aos técnicos da Comisión Europ

O Campus do Mar inicia a súa singradura en augas internacionais

Excelente acollida e moitas expectativas nesta visita institucional a Bruxelas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 06/04/2011

A Comisión Europea acolleu este mércores a botadura oficial do Campus do Mar en augas internacionais. Medio cento de técnicos das dirección xerais do Mar e de Investigación da Unión Europea asistiron á presentación oficial do Campus de Excelencia Internacional. De man de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e de Emilio Fernández, director do Campus do Mar, puideron coñecer de primeira man as características do proxecto estrela da Universidade de Vigo. Entre os presentes, moito interese e expectación por coñecer os seus detalles e sobre todo as oportunidades que ofrece. Con este acto, o recentemente nomeado Equipo de Dirección do Campus do Mar inicia a súa singradura oficial.

Ernesto Penas, director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea, foi o encargado de presentar o acto e dar a benvida ao Campus do Mar á Comisión Europea. Na súa intervención, Penas quixo salientar a oportunidade desta presentación pois, destacou, “o Campus do Mar integra todas as políticas no ámbito mariño” e “pon o énfase no coñecemento, o desenvolvemento e a innovación en diferentes disciplinas, un factor moi importante pois a chave do éxito en Europa é integrar todas as áreas”. Ademais, quixo facer fincapé no feito de que “o proxecto nace nunha pequena rexión pero sen embargo ten dimensión transnacional, ao integrar participantes españois e portugueses”.

Agradecendo esta benvida, Salustiano Mato quixo salientar que é “precisamente a vocación internacional da Universidade de Vigo a que nos fai estar hoxe aquí, en Bruxelas, no corazón de Europa”. O reitor salientou que “para unha institución como a nosa, inmersa no proceso de internacionalización, o Campus do Mar é un proxecto fundamental e do que estamos moi orgullosos”. Por este motivo, animou a todos os presentes a escoitar o son do Campus do Mar e achegarse a este proxecto que une ás universidades de Vigo, A Coruña e Santiago, ao Centro Superior de Investigacións Científicas CSIC e a Instituto Español de Oceanografía IEO, e a cinco universidades portuguesas.

Para reforzar institucionalmente esta presentación o acto tamén contou tamén coa presenza de Ricardo Capilla, director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, que recalcou que o proxecto “é estratéxico para Galicia e conta con todo o apoio da Xunta a través do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015”. “Temos que apostar por aquilo que mellor coñecemos e, no referido ao mar, temos moito que dicir” advertiu Capilla.

O Campus do Mar, presente e futuro

O recentemente nomeado director do Campus do Mar, Emilio Fernández, foi o encargado de debullar polo miúdo os obxectivos, misión, eixes estratéxicos, organigrama e demais aspectos do proxecto. “A misión do Campus do Mar é converterse en dinamizador dunha rede transfronteiriza e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de coñecemento, que forme aos mellores profesionais e investigadores no ámbito das Ciencias e Tecnoloxías do mar, que xere investigación de calidade e impacto internacional e que proporcione á industria as mellores ferramentas para mellorar a súa competitividade a escala global”, salientou.

Para que os asistentes visen en cifras a relevancia do proxecto, Fernández explicoulles que agrupa a 3101 investigadores, 1359 doutores, 24 institucións, 10634 traballos de investigación, 582 teses de doutoramento, 6402 proxectos de investigación e 274 millóns de euros en contratos de I+D. “Non é un proxecto de infraestruturas senón de cerebros, de talento” destacou Fernández, que amosou a súa total confianza no éxito da singradura do Campus do Mar, asegurando que dentro dun par de anos regresarían de seguro a estar alí para falar non dun futuro prometedor senón dunha realidade de éxito.

Reunións sectoriais

Ademais deste evento central, Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, e Regina Carreira, vicexerente de Internacionalización, realizaron diferentes encontros con representantes da Dirección Xeral de Información e Sociedade da UE para presentarlles o Campus do Mar e ver liñas de posible colaboración. As primeiras reunións mantidas foron con Jesús Villasante e Luis Rodríguez, xefes de unidade neste departamento, que amosaron o seu interese por comezar a recibir propostas do Campus do Mar, especialmente a través das súas convocatorias de axudas Future Networks e Future of Internet, dotada esta última con arredor de 300 millóns de euros. Tamén expresaron o seu interese, no caso de Rodríguez Roselló, en integrar especialistas procedentes do Campus do Mar como avaliadores expertos.

As visita da delegación da Universidade de Vigo continuará este mércores con diferentes reunións de traballo e rematará este xoves, ás 19.00 horas, na sede do Instituto Cervantes de Bruxelas cunha conferencia do reitor sobre o Campus do Mar.