DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor reuniuse coa presidenta da APV, Corina Porro

O Campus do Mar e a investigación, na axenda de colaboración entre Universidade e Autoridade Portuaria

Salustiano Mato destacou o papel da Universidade como “fábrica de solucións”

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 14/09/2010

O Campus do Mar e a intensificación da colaboración en materia de investigación centraron a xuntanza que este martes mantivo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, coa presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro. A dous días da presentación pública do proxecto, a responsable do Porto amosou o seu “apoio estratéxico” á candidatura a Campus de Excelencia Internacional e ambos apuntaron a importancia de que as capacidades das que dispoña o Campus do Mar poidan tamén servir para responder ás demandas da APV.

Neste sentido, o reitor puxo á súa disposición “o noso think tank, os nosos expertos e a nosa capacidade investigadora para dar resposta a estas necesidades”. Para Mato a idea é que a Universidade sexa unha “fábrica de solucións” que permita “aumentar a competitividade da APV”, o que implica potenciar o traballo conxunto entre ambas institucións buscando a xeración de sinerxías “que melloren cuantitativa e cualitativamente os indicadores de calidade da investigación no Campus do Mar” e exportar estas capacidades e novo coñecementos a todos os sectores empresariais e á sociedade en xeral.

Unha aposta pola investigación conxunta

Máis aló do Campus do Mar, a xuntanza serviu para estreitar lazos de colaboración en temas de formación e sobre todo de investigación. “Avanzamos nun futuro convenio de colaboración que nos permita correlacionar as capacidades da Universidade coa demanda de solucións do Porto de Vigo”, explica Salustiano Mato. Trátase así de ampliar a colaboración que as dúas institucións viñan desenvolvendo, en materia de prácticas pre-profesionais e en determinados mestrados, campos nos que se seguirá cooperando, pero tamén “de facer algo máis ambiciosos sobre todo no tocante ao I+D”, na cooperación para o desenvolvemento científico e tecnolóxico.

Neste acordo específico en investigación conflúen os interese de Universidade e APV de cara a poñer en marcha grupos e liñas de investigación e internacionalizar a súa experiencia, abrindo portas ao tecido empresarial de Vigo e a súa área metropolitana.