DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa arrancará no mes de setembro con epicentro en Vigo

Campus do Mar lanza un programa de actividades culturais e deportivas no que prevé que participen 1000 persoas

Alumnado e voluntarios gozarán de descontos que farán que en ningún caso teñen que pagar máis de 7 e

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/06/2011
“A idea é converter o mar no elemento protagonista na vida no campus”, así resumiu o reitor o obxectivo de CampusMar Life 2011, un programa co que Campus do Mar lanza unha ampla oferta de actividades recreativas, culturais e deportivas que buscan potenciar a relación co medio mariño de todos os membros da comunidade universitaria. Dende unha ruta pola Costa da Vela ata unha excursión en barco pola ría de Vigo; dun bautismo de surf a unha ruta en Kaiak polo esteiro do Miño... en total serán 12 as actividades que arrancarán no mes de setembro con epicentro na Universidade de Vigo, se ben, segundo especificou o reitor, é un proxecto que nace “con vocación de exportabilidade”, en referencia a que a idea é estender o programa as outras dúas universidades galegas.

Nesta primeira edición, concibida como fase piloto, as estimacións son que ata 1000 persoas tomen parte dalgunha destas doce propostas, doce actividades que se dividen en catro áreas: lecer, cultura, deporte e divulgación. “O medio mariño ofrece multitude de posibilidades para o tempo libre”, salientou o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, que destacou que a través de percorridos polo litoral da Ría de Vigo achegarase aos participantes á riqueza das nosas costas. En concreto ofertarase unha ruta mareal polo litoral de Vigo na que se propón un roteiro a pé que partirá de Alcabre para chegar a Cabo Estai e outro pola Costa da Vela do Morrazo.

Das excursións aos bautismos ‘de mar’

Dentro da área de Cultura, CampusMarLife propón unha oferta de actividades que permitirán aos participantes achegarse ao mundo da cultura marítima. Baixo a denominación Os nomes do Mar, a opción é unha excursión en barco pola Ría de Vigo guiada por especialistas en historia e filoloxía “que irán explicando os significados dos nomes do mar, as marcas dos mariñeiros, os caladoiros, os naufraxios...”. Tamén haberá oco “para visitar unha praia dun xeito diferente”, salientou o director do Campus do Mar en referencia a unha actividades na que a arqueoloxía terá un papel protagonista ou a opción de visitar o peirao de Bouzas e descubrir os diferentes tipos de embarcacións tradicionais galegas.
Aproveitando a riqueza e os escenarios inigualables que ofrece o litoral galego, o programa quere darlle á comunidade universitaria a posibilidade de ter unha primeira toma de contacto cos deportes náuticos. Surf, vela, mergullo e rutas en Canoa son as alternativas para experimentar novas sensacións “e, por que non, se convertan en practicantes habituais deste tipo de deportes”. E do deporte, á divulgación, coa posta en marcha de varios obradoiros nos que os investigadores terán a oportunidade de ensinar de xeito “divertido e entretido” cuestións relacionadas con ciencia e tecnoloxía mariña.

Actividades ao alcance de todos os petos

Unha das premisas fundamentais do programa é facilitar o acceso ás actividades polo que Campus do Mar financiará o 75% do prezo da actividade ao alumnado, non superando en ningún caso os sete euros o importe que terán que asumir. Estas vantaxes estenderanse tamén aos preto de 400 voluntarios do Campus do Mar que poderán acollerse a un desconto do 50% sobre a cota a pagar, simplemente presentando o carné acreditativo no momento de formalizar a inscriciónen calquera das actividades.

Os demais membros da comunidade universitaria e investigadora, tanto de Vigo como do resto de institucións asociadas, non se poderán acoller a esta rebaixa pero gozarán de prezos vantaxosos. Así mesmo haberá algunhas actividades que serán de balde para todos aqueles que desexe participar. Ademais, ”para promover a participación do alumnado dos campus de Ourense e Pontevedra, aos interesados daránselle facilidades de transporte”, subliñou Emilio Fernández, que explicou que este programa conta cun orzamento de 23.000 euros, dos que Campus do Mar financiará arredor de 16.000.

Colaboran co CampusMar Life

No desenvolvemento da ampla oferta de actividades que presenta CampusMar Life colaboran a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a través dos servizos de Deportes e Cultura, a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, a ECIMAT e Atlan-TIC. Así mesmo, tamén teñen unha participación destacada doutras institucións como son o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e o Porto de Vigo.