DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello Reitor nomeou, na súa primeira xuntanza, aos membros do Equipo de Dirección

O Campus do Mar leva áncoras apostando polas persoas “de excelencia”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 01/04/2011

Tras meses traballando arreo, hoxe comeza a vogar o Campus do Mar coa primeira xuntanza do Consello Reitor, constituído polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; o reitor da Universidade de A Coruña, José Mª Barja; o presidente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, (CISC), Rafael Rodrigo e o director do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Eduardo Balguerías.

Os cinco parceiros sentaron as bases da gobernanza do Campus de Excelencia co nomeamento do Equipo de Dirección, que terá ao fronte a Emilio Fernández Suárez, ata agora comisionado do Campus do Mar. Trátase, como explica o reitor Salustiano Mato, dunha “clara aposta polos recursos humanos, polas persoas de excelencia”, un eido que copará gran parte dos recursos económicos do proxecto, que ascenden a 7 millóns de euros. Os cinco membros do Consello Reitor amosáronse convencidos das potencialidades deste proxecto, “co que nos implicamos dende o principio” como explicaba o presidente do CSIC, “proxecto absolutamente innovador e hoxe demostramos que non nos equivocamos”. Estas “persoas excelentes” como apuntaba o director do IEO, “son as que necesitamos para levar a bo porto un proxecto que ilusiona a toda a sociedade galega”.

Reparto de tarefas

A “fábrica de ideas e solucións” na que se converterá o Campus do Mar rubrica así o compromiso de todos os socios por traballar nunha mesma dirección, unha oportunidade única, segundo o reitor santiagués, “para aunar esforzos entre as universidades e non diluílos”. Implicados os cinco organismos, como tamén ratificou o reitor da Coruña, a estrutura da gobernanza pretende repartir “tarefas, responsabilidades e compromisos”. Deste xeito, os cinco membros do Consello Reitor decidiron nesta primeira xuntanza o nomeamento do Equipo de Dirección, no que cada entidade se encargará dun eido específico.

Baixo a dirección de Emilio Fernández acordouse establecer cinco áreas e unha secretaría técnica. O profesor do CSIC Francisco Gómez Figueras será o responsable da Área de Investigación; Luis Fernández, da Universidade de A Coruña, coordinará a Área de Transferencia; Alberto González Garcés, conselleiro técnico co IEO encargarase da Área de Internacionalización; Elsa Vázquez, que fora vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, dirixirá a Área de captación de talento e, finalmente, Victoriano Urgorri representará á Universidade de Santiago ao fronte da Área de Proxección Social e Cultura Científica. Xunto con eles, con voz pero en voto neste equipo directivo, a vicexerente de Internacionalización da Universidade de Vigo, Regina Carreira, será a directora da Área de Xestión.

Acordos adoptados

Neste primeira xuntanza do Consello Reitor, ademais da gobernanza, abordáronse outros temas que permitiron a toma das primeira decisións de cara á conversión en 2013 do Campus do Mar nun consorcio público-privado. Para iso encomendóuselle ao Equipo de Dirección a elaboración dunha folla de ruta, así como a pormenorización da estrutura e o organigrama. Salustiano Mato explicou que valoraron moi positivamente as actividades realizadas durante o primeiro semestre “en particular no que se refire á futura Escola Internacional de Posgrao”, que se porá en marcha sen necesidade de contar previamente cunha sede física. No mesmo sentido camiñará o Campus Dixital do Mar, cuxa sede física serán "as dez institucións parceiras, as cinco galegas e as cinco portuguesas" e contará cun orzamento de 1.700.000 euros. No tocante ao financiamento, Mato remarcou a total consonancia existente tanto coa Xunta de Galicia como cos ministerios de Ciencia e Educación. Referíndose ás infraestruturas puntualizou que se están identificando as posibles axudas ás que poda optar tanto para a rehabilitación como para a construción nos terreos da ETEA.

Eixos e programas e próximas citas

O Consello Reitor encomendou tamén ao Equipo de Goberno a preparación do documento definitivo de plan de acción 2011-2012 de acordo a cinco eixo e programas. Do orzamento total, un 18% corresponderá a xestión, conectividade, calidade e Campus Dixital; un 20% a docencia e Escola Internacional de Posgrao (o 64% deste montante corresponderá a bolsas de máster e doutoramento); outro 20% para internacionalización e proxección social; un 19% para investigación e transferencia e un 23% para captación de talento. Este reparto orzamentario segundo os eixos amosa a convicción do Consello Reitor de apostar polas persoas, xa que “a maioría dos gastos en todos os eixos corresponde ao capítulo de recursos humanos e apenas o 8% será para infraestruturas e equipamento”.

Tras esta primeira xuntanza comezará a traballar o Equipo de Dirección co obxectivo de dar resposta ás solicitudes que hoxe lles encomendou o Consello Reitor. Antes do período estival convocarase a Asemblea e unha nova xuntanza do Consello Reitor.