DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Màrius Rubiralta eloxia o esforzo de agregación e o carácter transfronteirizo do proxecto

Campus do Mar, unha mensaxe de esperanza en tempos de crise

Nun acto de agradecemento pola consecución do Campus de Excelencia Internacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/11/2010
Poucos días antes de que Campus do Mar cumpra un mes como Campus de Excelencia Internacional, o secretario de Estado de Universidades do Ministerio de Educación, Màrius Rubiralta destacou hoxe o esforzo de agregación e cooperación que supón “este proxecto de coñecemento arredor do ámbito das ciencias mariñas de xeito interdisciplinar e moderno no que se conxuga a fortaleza dos seus participantes”. Rubiralta que presidiu o acto de recoñecemento aos promotores do Campus de Mar que este venres se celebrou no concello de Vigo e posteriormente participou no campus de Vigo nun encontro co equipo de goberno e persoal científico e técnico vinculado co proxecto, asegurou que “Vigo, Galicia e Europa teñen un gran proxecto” ao que se referiu como “unha mensaxe de esperanza en tempos de crise”.

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, agradeceu o traballo e o apoio de todas as persoas e entidades relacionadas co Campus do Mar e defendeu os Campus de Excelencia Internacional como un instrumento que mellora as universidades. “Os CEI estannos a facer mellores. Permítennos apostar polo futuro, apuntalar o mérito e a capacidade. Se non, estamos condenados á decadencia”, dixo Mato.
Mentres o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacaron a relevancia que para Vigo e Galicia ten un proxecto como Campus do Mar que ambos coincidiron en sinalar como froito do traballo de moita xente e dun gran combinación de esforzos.

Recoñecemento da cidade a un traballo de anos

Representantes das entidades e organismos promotores do Campus do Mar, así como dos sectores político, económico e social, participaron no acto de recoñecemento pola consecución do recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional celebrado no Concello de Vigo e co que en palabras do alcalde Abel Caballero “ a cidade recoñece o traballo de anos de moita xente. Hai moito esforzo de moita xente anónima que co seu traballo o fixeron posible”. Caballero aludiu a un proceso que cualificou como “emocionante no que fomos quen de convencer a unha comisión internacional de elevadísimo nivel” e agradeceu o traballo desenvolvido polas tres universidades galegas e nomeadamente polo reitor Salustiano Mato, así como pola Consellería de Educación, o Ministerio de Educación, o CSIC e o IEO ,ademais do realizado polo comisionado do proxecto, Emilio Fernández.

O secretario de Estado de Universidades tamén agradeceu o traballo e o aval das persoas e entidades que participan do Campus do Mar que Rubiralta asegura “conxuga universidade e territorio”. O secretario que incidiu na importancia do triángulo que forman as administracións, as institucións xeradoras de coñecemento e o sector produtivo, destacou o carácter transfronteirizo do proxecto que destacou “non é illado, senón unha parte da política de modernización das universidades, un proceso voluntario que se articula na Estrategia 2015”.

Reclamación de valentía política

Ademais de agradecer a implicación no proxecto dos investigadores, centros de investigación e administracións, así como da cidade de Vigo “que lle deu o complemento emocional”, Salustiano Mato agradeceu ao Ministerio de Educación a posta en marcha da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional. “Unha iniciativa que nos fai cambiar a metodoloxía de traballo dun xeito moderno e novedoso”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo que apelou á valentía das administracións “a apostar polo recoñecemento do esforzo, o mérito e a capacidade”, xa que segundo Mato, “se non cambiamos estamos condenados á decadencia”. Na súa intervención o reitor da Universidade de Vigo insistiu que a consecución da excelencia internacional “é o principio e agora temos que xogar moitos partidos, suar a camiseta e quedar ben na competición”.

Pola súa banda o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, destacou que “poucas iniciativas se desenvolven en Galicia co potencial do Campus do Mar”, un proxecto no que segundo o titular de educación “conxúganse de xeito dinámico os desafíos de Galicia”. Vázquez que aludiu á consolidación da ETEA como un gran centro de investigación e reiterou que a Xunta “mantén blindado o orzamento para as universidades”, citou a investigación aplicada e a sociedade do coñecemento como motivos para seguir avanzando. “Grazas e parabéns aos que facedes os soños posibles”, dixo Vázquez.